A gran avenida

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

09 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un día pegañento de agosto, se cadra o peor día para facelo, marchamos rodear o Confurco. Aparcamos nesa monumental avenida de dous carrís que construíron para ir ao San Ramón de Bealo, o epicentro das numerosas romarías da comarca. Cando dentro de catro mil anos os arqueólogos do futuro escaven este lugar, interpretarán esta insólita pasaxe, tan distinta das outras modestas pistas rurais do Barbanza, como unha especie de atípica avenida cerimonial que conduciría ata o templo no que se adoraban as divindades de entón (ano 2021).

Pensei tamén nesoutros grandes camiños monumentais que os investigadores teñen localizado na chaira de Salisbury e que conducen ata o gran monumento de Stonehenge, erguidos hai 5.000 anos. Divertíame enredando na cabeza cando me dei de conta de que, alén da brincadeira, o sentido da dobre pista era exactamente ese: crear un gran acceso para canalizar o numeroso público que accede desde moitos quilómetros na contorna a adorar unha divindade local unha vez ao ano, e que funciona como ritual de iniciación: a mocidade acampa varios días ao redor do santuario celebrando grandes banquetes rituais nos que abundan as libacións.

No futuro, os arqueólogos atoparán moitos anacos de vidro, chapas de cervexa, chisqueiros ou kleenex (son indestrutibles), así que branco e en botella. Ritual.

Moitas veces miramos o pasado con certa condescendencia, sen decatarnos de que ese pasado está en nós mesmos, e que somos parte del. Por iso a Historia pode aprendernos a ver.