Servia

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez ON FIRE

BARBANZA

06 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Aplanta de tratamento do lixo que a mancomunidade Serra do Barbanza ten en Servia comezou a funcionar no 2003, nunha arriscada aposta pola compostaxe e a reciclaxe de residuos, e xa daquela se sabía que a concesión que fixo posible a súa posta en funcionamento tiña data de caducidade. É máis, fixouse o seu fin no 2023. Pero, a pouco máis dun ano de que se cumpra ese prazo de dúas décadas, nada hai definido sobre o futuro das instalacións, e tivo que ser a decisión dos traballadores de saír á rúa para chamar a atención sobre a incerteza na que están sumidos o recinto e o seu propio futuro a estas alturas do 2021 a que fixera acordar a boa parte dos políticos que teñen responsabilidade no que ocorra coa planta.

Hai tempo que se fala de que hai que abrir o debate sobre o futuro das instalacións: se é factible asumir a súa xestión, se o mellor é iniciar o procedemento para unha nova adxudicación... Pero o certo é que, mentres, foron pasando pola presidencia alcaldes de diferentes cores políticas e a discusión arredor do servizo e a aposta polo modelo de compostaxe de Servia non chegou nunca a ser real. Ou, cando menos, non se plasmou en propostas concretas nin nun traballo real para elaborar uns novos pregos ou facer un estudo técnico sobre a viabilidade da xestión directa. Por estar pendente, non se tomou tampouco unha decisión sobre que pasa cos concellos que non son membros de pleno dereito da mancomunidade e cuxos contratos hai tempo que están caducados.

No 2018, o BNG xa puxo sobre a mesa a necesidade de sentar a falar sobre estas cuestións, e a día de hoxe seguen a ser unha incógnita.