Bernardo Codesido

31 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na praia, mentres xogaba coa area facendo unha especie de castelo, a nena falaba con alguén inexistente, con un amigo imaxinario que, a falta de mellor compaña, compartía con ela certa discusión sobre o sistema construtivo e o uso futuro daquel edificio adornado con cunchas e pelouros. E sentín envexa. Non sei se pola discusión sen enfado ou pola facilidade para atopar compaña sen medo ó que dirán, eu que diante dunha película de vaqueiros na tele non ouso dicirlle ó bo onde se agocha o malo. A nena podía sentir o luxo de ter con quen debater e ó mesmo tempo explicarse e xustificarse doadamente. É mágoa que en certas discusións cara a cara entre os maiores, non sempre atopemos ó outro lado a tan sosegados e comprensibles interlocutores con quen intercambiar opinións sen chegar ás mans nin ós insultos.

Quedei mirándoa e nun momento díxenlle ó pai canto me gorentaba ver como aquela nena, rodeada de adultos, sabía buscar con quen entreterse. E o pai, como avergoñado, cortoulle o rolo chamándoa para que abandonase aquel xogo, como se o amigo imaxinario fose un perigo social ou un síntoma de tolemia. Ese amigo que foi o recurso de tantos fillos únicos e de tantos nenos inxustamente castigados no seu cuarto, a quen facerlle confidencias que nunca se saberán, e dos que a certa idade ninguén se quere lembrar, a pesar de que, segundo os expertos, facilitáronnos unha maior capacidade mental e mellor comprensión dos sentimentos alleos. O malo é que esa terapia contra a soidade acostumamos a abandonala cando chegamos á escola e trocamos a ese habitual compañeiro de soidades por outros mais reais que non sempre se adaptan ós nosos gustos e desexos. A partir dese momento trocamos os roles e empezamos a socializar a base de patadas, tiróns de pelo e outros métodos ó estilo primate.

Aseguran algúns psicólogos que os amigos imaxinarios que todos tivemos algunha vez, aínda que co paso dos anos os esquezamos e os neguemos, foron un bo apoio para explorar os nosos medos e emocións fronte ós apuros infantís. Máis aínda, os amigos imaxinarios son un soporte para crianzas con problemas sociais, ou entre aqueles que levan sobre si as profundas feridas que deixan os conflitos bélicos.

A verdade é que vendo a algún dos nosos dirixentes, sempre buscando a negación do contrario, pregúntome se algunha vez tiveron ese brote de imaxinación que lles permite poñerse no lugar do outro para levar a súa conversa por un camiño converxente, ou se neles pesa máis esa etapa escolar de enfrontamento directo e cos puños por diante.

Segundo algúns expertos, os amigos imaxinarios que, non por invisibles deixan de ser descritos por quen os ten con toda clase de detalles físicos, incluso rozando ós superheróes, axudan a reter coñecementos, pero tamén a potenciar e mellorar o vocabulario e as habilidades lingüísticas, grazas a estas conversas en solitario.

O malo é que así como imos cumprindo anos fáisenos obrigado desbotar a tan amables e interesantes compañeiros e acollémonos a outros máis de carne e óso, pero sobre todo contendentes, xa sexa na escola ou xogando no parque infantil, para confirmarnos que hai unha idade na que se empeza a perder a maxia da imaxinación e habemos de enfrontarnos á realidade descarnada da adolescencia.