Barreiro Barral

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

03 jun 2021 . Actualizado a las 05:05 h.

domingo pasado un numeroso grupo de persoas -para o que permiten estes tempos- homenaxeamos no Pindo a don José Barreiro Barral, convocados pola asociación carnotana Monte Pindo Parque Natural. Este pintor e restaurador, nacido en Porto do Son no ano 1911, é, sen dúbida, o autor que coas súas palabras moldeou a imaxe que ten hoxe este monte: unha confluencia entre paisaxe, tradición oral e historia que enche de palabras e imaxinarios ese prodixio natural e xeolóxico.

Cando camiñamos polo Pindo, facémolo polas lendas e historias que Barreiro Barral reuniu falando coas xentes de San Cibrán, do Fieiro, da vila do Pindo e doutros lugares, pero tamén o facemos cos documentos que consultou, coas súas reflexións e co resultado: os seus libros e artigos.

Porque esa é a clave. Hai territorios e lugares do país que teñen a sorte de que alguén lles dedique boa parte da súa vida intelectual, e escriba sobre eles, e hai outros que non tiveron esa fortuna. Os primeiros dispoñen dunha bagaxe de historias que lles permite recoñecerse, e que foron salvadas da ruptura da transmisión oral de avós a netos que vivimos neste século. Mirade se son importantes que con todos estes libros e artigos fanse as páxinas webs e folletos turísticos: os escaparates do territorio cara o exterior.

Estas xentes foron a ponte entre o pasado e nós. Procedentes, moitos eles, de familias humildes, souberon facer convivir as vellas lendas cos rigorosos estudos do pasado. Por iso cómpre recoñecer o traballo de figuras como José Barreiro Barral.