Enxebre

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

18 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

dicionario galego define a palabra enxebre como o que é característico e propio dun país ou dunha rexión e que non está falseado, deformado ou mesturado con nada alleo, pero en Galicia ten connotacións pexorativas polo desapego que fomos conformando coas nosas cousas de sempre. É por iso que se confunde con charramangueiro, ou co chamado rústico ou típico, que o dicionario define como o que caracteriza ou é propio da persoa ou cousa da que se fala, ou do país do que se trata.

Así é común entender o enxebrismo como o que é autenticamente galego, pero visto dende a distancia que marcan as elites da cultura e do folclore do pobo. Tamén é común chantar un hórreo ou un cruceiro no xardín dun chalé urbano, aínda que esta actitude é máis propia do fetichismo, unha especie de falsa admiración excesiva por un obxecto desexado.

Eu, para marcar distancia destas condutas, prefiro utilizar o termo tradicional, por estar relacionado coa tradición polo modo de transmitirse ou pola súa permanencia de xeración en xeración.

Algo similar sucede co termo encanto, tan utilizado na terminoloxía turística e mesmo patrimonial, e que considero subxectivo, por ser distinta a percepción dunha cousa por persoas distintas. Neste senso, é máis acaído falar de autenticidade, ou carente de falsedade. Un xogo de palabras que ven a dar cobertura á diferenza entre o verdadeiro e o falso, ao que se transmite puro fronte ao que vén deturpado. Penso que cando se utiliza calquera delas, todos entendemos o sentido que se quere dar á frase na que se enmarcan, pero os expertos diferénciano.