O Couto

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

20 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

É a aldea na que naceu Eduardo María González-Pondal Abente, afamado escritor nacionalista fillo de indianos, autor da letra do himno galego, inspirado nos queixumes dos pinos da praia próxima de Balarés, na outra banda do Monte Branco. Unha aldea de apenas 200 habitantes, pero con máis de 90 hórreos, que zumega cultura, arte e etnografía, e literatura, grazas ao labor da Fundación Eduardo Pondal. Unha aldea que escoitou o acordeón de Kepa Junkera, as letras de Manuel Rivas ou Quico Cadaval, que Fina Casalderrey definiu como un «frasco pequeno cheo de esencia», con alpendres dedicados a obradoiros, cun conxunto monumental no que non falta o pombal, igrexa, camposanto e un singular cabazo que queren transformar nun centro do coñecemento de escala sustentable e único no mundo.

Da man da fundación, a aldea do Couto deume a oportunidade de explicar as razóns polas que me aliei con asturianos, cántabros, leoneses, vasconavarros e portugueses para que a Unesco nos diga o relevante que son os graneiros elevados, incorporándoos na lista de patrimonio mundial, previo paso intermedio de colalos nos plans estatais de arquitectura popular e nos de patrimonio inmaterial de España e Portugal.

Arroupado por expertos, como os profesores Xosé María Lema e Carlos Regueira e os compañeiros Rosario Fernández-Albalat e Fermín Blanco, cunha presentación de María Canosa chea de paixón, enchemos durante horas de millo a reitoral reconvertida en centro cultural. Un gran paso no camiño do recoñecemento do noso ben patrimonial máis identificador.