Anteface representa o omnímodo poder da insinuación! Porque impón a súa absoluta e inmediata presenza, chea de sinxeleza e ambigüidade embozada, converténdonos en (in)discretos voyeurs cativados na trama da forma e da cor. E por ser concibida xa como estética do inacabado, a modo de schizzo, con contornos nítidos para un medio corpo en primeiro plano que se prolonga máis alá do cadro, ata onde a imaxinación se aventure.

Mais tamén, o que conmove neste bosquexo polícromo é o feitizo da súa nudez agochada. A historia do espido en arte vén das cavernas paleolíticas e evolucionou, si, pero non progresou. Un longo camiño de Venus e Odaliscas ata Teresa Argibay, dende o idealismo mitolóxico e bíblico ata a «carnalidade» do s. XX-XXI, que se foi abrindo paso contra atrancos e inquisicións, segundo os valores e a moral de cada época. Pero a fascinación polo espido e o erotismo é humana, demasiado humana, e nada hai de malo nun corpo, sexa nu corporal (naked) ou nu artístico (nude), fermoso ou engurrado, como acertadamente defende o feminismo dende hai dous séculos: o mal está na nudofobia, na utilización do corpo feminino como obxecto por parte dun puritanismo claramente extemporáneo. Pero ao noso rescate chega Paul Valéry: «O que o amor foi para narradores e poetas, foino a nudez para os artistas da forma».

Sabemos de certo que os humanos somos os únicos animais eróticos, grazas á facultade que temos de imaxinar, o que acrecenta a nosa fantasía como fonte de pracer físico e emocional. Neste semiespido, Teresa introduce un anteface como fetiche e enigma do poder da muller. É a persoa das festas saturnais..., o felo do Entroido, o desenfreo do Carnaval. Como Rembrandt, Teresa Argibay vive fascinada pola seminudez, polas zonas escuras, a alusión máis ca polo evidente, a suxestión sensual do corpo visto de costas ou de perfil. De aí o anteface, símbolo de misterio, morbosidade e insinuación. Porque a máscara é, non o que somos, senón o que queremos ser; fainos iguais a nós pero distintos aos outros. A máscara enmascara a realidade e «desenmascara» o noso ser íntimo, ese sermos outro interior. Xa antes o dixeron os poetas: «Je suis l’autre» (Nerval); «Je est un autre» (Rimbaud). O disfrace como proxección visible dos sentimentos ocultos.

Prohibición e tentación

Logo, o suxeitador, que esconde, impide ver, pero que non é precisamente un «pano de pureza». Prohibición rima con tentación, ante todo cando prohibes convidando ao alborozo: esa leve caída da copa e do tirante dereito inducen á íntima vibración sensual, á suxestión do que se insinúa como posibilidade. E esa pose algo reclinada que se sabe desafiante dende o anonimato que é poder..., porque é dona de seu e pode e quere. E a cor, finalmente, tres dos catro puntos cardinais do erotismo -boca, ollos e senos-, os tres en intenso vermello, cativan a ollada e incitan de vez ao “desarranxo de todos os sentidos” (Arthur Rimbaud dixit).

Zoar

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Anteface