Diálogo de partituras

La Voz

BARBANZA

Marina Losada Vicente

27 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Miraba cada folio coma o lenzo no que debuxar as palabras todas. De ter que borrar, pasaba a goma con precisión cirúrxica, mesmo raspaba coa punta dunha navalla. Procuraba non sacar a páxina do carro, mantendo a panca do espazador fixa. Co mesmo empeño, mantiña a aliñación da marxe final engadindo guións e barras inclinadas para rematar cada liña no punto xusto. O cariño pola folla incluía a forma de gardala, en carpetas do seu tamaño, para evitar o horror dos pregos. De ter que tradealo, buscaba o centro exacto do papel, para que non sobresaíse dentro do arquivador. De facer copias, collía o papel carbón, papel de calco, con suma delicadeza para non manchar os dedos co polvo negro do dorso e deixar pegada no escrito. Trataba por igual folio, cuartilla, papel de barba, papel timbrado... Nas instancias, de maior demanda, a marxe un terzo da anchura do prego; en terceira persoa, ganando en disposición e elegancia. Separación calculada entre encabezado, corpo do escrito, súplica e pé.

Elocuente a presentación de traballos estatísticos. Cada décima, centésima, unidade de millar no sito exacto da columna numérica. Centraba os títulos contando os caracteres e espazos dos encabezados para acoplalos á escala graduada. Desbotaba as cintas furadas ou secas, receando das novas, cuxa tinta era máis difícil de borrar, de ser o caso. Evitaba escribir polas dúas caras, preservando o valor do anverso, a pesar do prezo do papel.

O médico da vila pediulle que lle redactase unha instancia que incluía un gráfico de datos cuantitativos, difícil de descifrar e complicado de mecanografar. Tivera que romper varios borradores. O resultado, nunha máquina que non tiña tecla «supr» nin opción de xustificado, era de dez. Aquel escrito falaría do seu autor, como fala unha partitura do compositor.

Deixando enriba do mostrador o sobre no que llas entregara, don Antonio díxolle adeus a meu pai ao tempo que pregaba as follas en catro partes e as engruñaba no peto dun gabán mollado pola chuvia, xunto da carteira, as gafas e o pano de man.