Artigo 47

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

24 mar 2021 . Actualizado a las 19:30 h.

O artigo 47 da Constitución di expresamente que todos os españois teñen dereito a unha vivenda digna e adecuada, que os poderes públicos promoverán as condicións necesarias para facelo efectivo, e regularán o chan para impedir a especulación.

A contradición entre o que di a norma e a realidade dáse en todos os sentidos: nin se loitou contra a especulación nin todos temos acceso a unha vivenda digna.

A Constitución apróbase no 1978, xusto un ano despois de pechar a Obra Sindical del Hogar y Arquitectura, un organismo que funcionou dende 1939 como promotor e construtor de vivendas a baixo prezo, tanto en réxime de arrendamento como de compravenda. Facíao ademais con total transparencia, a través da revista Hogar y arquitectura na que se publicaban os planos das vivendas que promovía e construía. Tamén con criterios de modernidade a través de arquitectos que deseñaban libremente, sen someterse as ditados do promotor privado especulador.

Antes da Constitución, as familias tiñan vivendas dignas, pero os políticos deixaron todo na man do mercado e a vivenda fóisenos das mans. Aínda se conservan, en cidades e vilas, os barrios e bloques aos que chamabamos vulgarmente casas baratas. Eran baratas pero dignas e alcanzables para todos.

Hai que volver ao modelo anterior, que o estado constrúa pisos a baixo prezo de venda ou arrendamento e facer unha verdadeira política de vivenda como nos estados centroeuropeos, que facilitará que a vivenda libre non se dispare cando hai demanda. Hai que facelo sen politiqueo, sen que sexa un trofeo.