14 de marzo

BARBANZA

15 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O14 de marzo do 2020 é unha data histórica, e son absolutamente incapaz de recordar que fixen ese día. Recordo onde estaba e que facía o 11S, o 11M ou a tarde na que o Alvia se saíu da vía en Angrois. Lembro sobre que estaba escribindo cando miña nai me chamou para dicirme que acababa de morrer o meu avó e a reportaxe que fixen mentres viña ao mundo a miña afillada. Incluso sei que fixen o día antes e o día seguinte do 14 de marzo, e os plans que tiña para ese sábado, pero por máis que o penso non consigo adiviñar a que dediquei o día no que a vida se parou e cambiou para sempre.

Como con calquera data tan transcendente, o seu sería ter polo menos un recordo, algo que contar, unha batallita coa que torturar a quen queira escoitarme cando sexa vella e teñan máis emoción as vivencias do pasado que as do presente. Pero non hai nada, está en branco. Pode que sexa un mecanismo de defensa da miña mente, a negación a aceptar un ano no que todos perdemos algo.

O peor, son os que perderon a vida ou a un ser querido, pero absolutamente todos fomos deixando cousas polo camiño nestes doce meses que non imos recuperar. A primeira viaxe lonxe da casa cos compañeiros de clase, a oportunidade de achuchar e comer a bicos ao novo membro chegado á familia, os reencontros con apertas infinitas, as amizades que estaban agromando e quedaron a medias pola distancia do confinamento, as sobremesas que se converten en ceas, os concertos e os bailes que non puideron ser, os aniversarios que quedaron sen festexar... Nada foi insignificante neste ano no que todos perdemos. E xa é hora de empezar a gañar de novo.