Pereira

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

02 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Pereira era o coche de liña que comunicaba as localidades da Estrada e Vilagarcía de Arousa. Xa non existe, igual que moitos outros transportes públicos que quedaron na cuneta por falla de rendibilidade económica, simplemente. Os meus primos de García, ademais de recoller as xentes das aldeas para levalas ás feiras -cinco no mes-, levaban aos artesáns da vila a todas cantas feiras había na contorna, e os condutores comían na propia casa dos donos da empresa.

Ata os anos 70, Carballo estaba unido coa Coruña mediante un trolebús eléctrico, como os de Pontevedra, sen combustibles fósiles e na liña dos transportes públicos do século XXI. Estaba na liña dos transportes europeos, nos que Carballo podería funcionar como satélite da capital, e podería haber un intercambio cidadá moi frutuoso. Mondariz e Baiona estaban conectadas con Vigo mediante tranvías -tamén eléctricos- como o que unía Sada coa Coruña. E en Verín tiñan un tranvía de tracción animal aos balnearios.

Pasado medio século, dá a impresión de que, no canto de converxer coas estratexias de mobilidade da Europa moderna, camiñamos cara a outro lado, incerto, que deixa todo nas mans dos coches particulares e dunha mala rede de autocares, sen unha estrutura de cohesión territorial que permita a diversificación ou a interconexión dos pobos. Comarcas como O Morrazo, O Salnés, Barbanza ou Costa da Morte non resultan atractivas para vivir sen coche, a non ser que se traballe na área inmediata. Vigo e A Coruña eliminaron os seus vellos tranvías, cando no Porto son utilizados hoxe con moita eficiencia.