Hoxe conmemórase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. E hoxe ven a miña mente un problema que temos as persoas con mobilidade reducida. Ocorre cando alguén estaciona indebidamente o coche nunha desas prazas que están destinadas para estas persoas. É un tema no que hai moita tea que cortar, porque sempre vamos atopar ao listillo de turno que fai o uso indebido desta praza, coa desculpa de sempre: «É que son cinco minutos de nada» (ou algo polo estilo). Lembrarlle a estes suxeitos que este feito está prohibido, sendo obxecto de sanción cunha multa de 200 euros, dado que se considera unha das sancións graves, aparte da retirada do vehículo polo guindastre municipal.
A Lei está clara en tódolos seus artigos relativos a esta cuestión. No 105, sobre retirada e depósito de vehículos, di: «A autoridade encargada da xestión do tráfico poderá proceder, se o obrigado a iso non o fixera, á retirada do vehículo da vía e a o seu depósito no lugar que se designe». No aparto e engade: «Cando un vehículo permaneza estacionado en lugares habilitados pola autoridade municipal como zonas de aparcamento reservado para o uso de persoas con discapacidade sen colocar o distintivo que o autoriza».
Estas normas están recollidas no BOE. número 261 do 31 de outubro do 2015 da Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria.
E neste punto quero destacar o seguinte, porque tamén me parece moi relevante: o feito de que un vehículo toque o fociño do coche que está dentro da praza tamén é obxecto de sanción; a praza ten que estar libre na súa totalidade, dadas as dificultades que teñen as persoas con mobilidade reducida e neste caso condutoras, pois necesitan todo o espazo para poder manobrar o seu vehículo adaptado.
Finis coronat opus. Vicente Abelleira. Outes
Pode enviar os seus textos á dirección de correo electrónico redac.barbanza@lavoz.es