Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Calamaris poterensis

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

03 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante a anterior crise económica impactáronme moitas cousas, pero a menor non foi, desde logo, o día no que me decatei de que toda esa xente do pantalán non se dedicaba á pesca deportiva. Familias enteiras con catro ou cinco canas de pescar que pasaban as tardes do domingo mirando para a ría á espera de que algo pique: ademais de lecer barato, conseguíase todo o peixe da semana. Esa si que era economía mergullada! O mar sempre está aí para botar unha man nos momentos difíciles.

Agora cóntanme que hai todo un tráfico de calamares de potera, se cadra un tanto interrompido nestes momentos polas horas baixas da hostalería. O calamar de potera é o novo ouro negro da costa galega, e cotízase nos restaurantes a un prezo case prohibitivo. Tendo en conta que o que precisas investir para pescalos é tempo (e uns protectores para os cóbados cos que te apoias nas varandas), o negocio parece conveniente para quen non teña escrúpulos en moverse pola banda do diñeiro negro. Así que co diñeiro veñen as pelexas e as tensións, porque neste caso o asunto vai máis alá da supervivencia familiar.

Sen ter eu unha gran idea sobre o estado de saúde da especie Calamaris poterensis, pregúntome por que sempre acabamos igual. Creando un círculo de economía mergullada -que afecta non só aos pescadores, senón aos negocios que lles mercan estas capturas- mentres demandamos, ao tempo, que a administración nos preste atención. O mar sempre está aí para as urxencias, pero leva mal volver rutina o exceso.