Chatarras

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Oscar Vázquez

Pronto será inaugurada unha rampla mecánica na Gran Vía de Vigo cuberta por unha sorte de cempés a cores de aluminio e vidro á que engadiron a última hora paneis solares sen moita fortuna estética, ao chou, sen control ningún.

Este invento, ao que Ana García Román e Andreu Buenafuente bautizaron como O invernadoiro da Gran Vía, substitúe a 128 árbores que formaban parte dun proxecto europeísta de bulevar, ideado polo arquitecto Antonio Palacios no seu Plan Palacios (1919) como eixo para vertebrar o crecemento da cidade.

Sen piedade, en contra de patrimonio e con fondos europeos, o proxecto arboricida foi adiante como un rolo que esmaga á cidadanía, que por outra banda, está medio durmida e non concienciada da perda. Algo similar sucede en Galicia dende hai moitos anos. Así botaron abaixo a igrexa e a casa do concello de Carballo, tamén o de Ribeira. Hoxe son recordados con nostalxia, pero no seu momento eran atrancos para o progreso.

A mesma operación é feita cada semana no rural galego, onde botan abaixo vivendas tradicionais e outros elementos da paisaxe para substituílos por esqueletos ou por bañeiras e somieres no medio dos prados. Varios profesores universitarios avalan estas prácticas como xeitos de evolución e contemporaneidade, pero moitos outros desapróbano, como indica a doutora Martinón: «A ciencia non traballa con verdades», só son conclusións de múltiples investigacións. Ata o propio Dani Mateo lle puxo nome a esta pandemia, chamándolle chapucismo (chafallada ou chambonada, en galego). Cómpre máis sentidiño.