Campaíñas timbradoiras

Francisco Ant. Vidal

BARBANZA

SANDRA ALONSO

07 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde o gong asiático ata os golpes daqueles troncos dos aztecas de nome impronunciable, as chamadas, alertas ou avisos á comunidade, realizáronse de moi distintas maneiras. E a pesar de que hai algúns anos unha veciña se queixaba do moderno aparello electrónico que atronaba coa Alborada de Veiga a son de campás cando ela aínda estaba no mellor do sono, outra, pola contra, agradecía que grazas ó novo sistema non perdía enterro, misa nin funeral.

De campaíñas timbradoiras e cousas polo estilo habería moito que falar, porque nin sempre son tan poéticas como desexaríamos nin tan funestas como nolas pintan, pero sen dúbida, digan o que digan e gusten ou non gusten, nunca din mentira. Foron e son algo máis que o chamador da porta, o reclamo para o mordomo e os criados ou a advertencia da presenza de embarcacións no medio da néboa. Naceron como avisador xa en tempos antigos e como tal seguen usándose aínda desde Oriente a Occidente, desde o Xapón budista ata a Irlanda católica.

Alguén contaba nestes parladoiros en que a boca non ten cancela, ter lido ou ouvido que se atoparon en Oriente Medio uns xigantescos morteiros que, tras as correspondentes análises, sóubose que se usaban para machucar unhas determinadas comidas da zona e da época destinadas ós banquetes fúnebres, de tal maneira que cando a man do morteiro golpeaba no campaniforme recipiente, producíase un característico son doado de recoñecer para saber onde se preparaba esa homenaxe póstuma. Veñen daí as badaladas ou os avisos fúnebres? Non sei, pero si é seguro que a morte dun veciño era comunicada dalgún xeito en calquera comunidade, fose da crenza que fose. Á fin a vida e a morte sempre foron anunciadas como os acontecementos límite de toda existencia. Entre nós prevalece ese toque de voz gorda que vai esmorecendo para, de seguido, ó apagarse o son grave, facer soar outra campá de timbre máis agudo, ese din-don alternándose para representar o pouco que somos e como chegamos á última hora.