Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

A procesión por dentro

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

24 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Este ano vin o Nazareno pasar coma un relampo, atravesando a estrada a toda mecha por fóra do paso de cebra, de volta para a súa capela. Pasar por fóra do paso de cebra non é raro, porque xa se sabe que na Pobra os cebreados do asfalto son, máis que nada, elementos decorativos. Ademais, a estrada estaba cortada, como se alguén aínda agardara un milagre que permitira saír a procesión. Tras da imaxe corría un pequeno grupo de devotos imbatibles.

Na rúa Díaz de Rábago había escasos signos de festa grande. Algunhas bandeiras penduradas dos balcóns, coa notable incorporación, este ano, do pendón vaticano (??). E, nos postos de venda, só humildes rosquillas. Falláronnos as cacheiras, os chourizos e lacóns, as grandes bolas de pan millo con pasas e as empanadas apiñadas como rañaceos. Un día fixemos as fotos da procesión desde a rúa, non desde o balcón. Ao revisalas, decatámonos dun detalle feliz. Os ollos das autoridades, trala imaxe nazarena, escapábanse sen remedio cara as ristras de chourizos e touciños. Unha das fotos é unha xoia: un Alberto Núñez Feijóo embelesado por unha cacheira opípara. Outro tipo de devoción.

O domingo de Nazareno foi tan atípico que ata puxeron tapas nos bares da Pobra. Faltaron os últimos vestidos frescos do inverno e os primeiros do outono, as mozas frescas e os vellos engravatados que dan guapura ao paseo. Falláronnos as xentes da montaña, que baixan á vila, aínda hoxe, como un feito excepcional. A procesión de todos nós, nunca mellor dito, ía por dentro.