Incendios

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

23 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os meus maiores téñenme contado a estampa. É pola noite, no medio do verán, nalgunha das numerosas festas do Barbanza. Velaí aparecía a Garda Civil a buscar «voluntarios» para subir ao monte a apagar un lume. E todos os mozos escapaban para que non os colleran na cuadrilla voluntaria. Daquela, as grandes masas forestais da comarca estaban en mans dos grandes potentados, e aqueles rapaces non sentían interese ningún en velaren polos intereses do máis rico da vila.

Esta anécdota ilustra un feito moi importante a ter en conta nisto dos incendios que padecemos. Pensamos que vemos a destrución de algo que sempre estivo aí, pero as grandes extensións arboradas que hoxe temos son un asunto moderno: o abandono da agrogandaría tradicional.

Cando era pequeno, miña avoa sempre me contaba como no tempo da fame tiñan que ir roubar leña. Eu non podía entendelo: pero se leña había abonda por todas partes! Agora, ao ver antigas fotos aéreas, decátome do contrario. A leña, combustible e material construtivo, era auténtico ouro pardo, que en abundancia só estaba ao alcance duns poucos.

Por iso nos poden alporizar, desde a mentalidade do presente, as consecuencias ecolóxicas dos incendios forestais que estamos a ver. Pero esa só sería unha vista moi parcial da foto.

Os incendios o que revelan é sobre todo moitas cousas ao redor da nosa sociedade, da propiedade, da economía e tamén das familias. Un incendio é un xeito barato e discreto de facer dano. Pero máis ás persoas, ás veces, que ao propio medio natural ao que afecta.