Campañas

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Non vou dicir nada que non saiban. As campañas electorais teñen moito de teatro. Son escenificacións das que non temos moi claros os resultados. É dicir, non sabemos canto voto se pode conseguir cambiar, ou convencer, nestes quince días de mensaxes.

A miña percepción está en que o peixe está sempre vendido, e que as campañas electorais serven como ese mítico minuto final de partido cando os dous equipos están empatados. Pode suceder algo que fai decidir o voto para un sitio ou para outro. E quen non está disposto a dar ata os restos no último minuto?

A política actual en Europa está baseada en equilibrios sutís de forzas entre partidos cada vez máis fragmentados. E isto é así desde o nivel da Unión Europea ata o municipal. E isto vai facer que cada vez as campañas electorais sexan máis decisivas. Non para obter unha maioría esmagadora, senón para relear, para rabuñar esa presada de votos que permitirán ter o deputado ou o concelleiro decisivo nun parlamento fragmentado.

Por iso nunca hai que dar nada por morto. Ata hai uns anos, os partidos asumían as campañas coma unha desgraza inevitable: por culpa delas había que empeñarse cos bancos e asumir riscos deses que provocan insomnio crónico. Agora volven ter un sentido.

Tamén pode acontecer outra cousa. Que pouco a pouco pasemos a campañas electorais de catro anos, deseñadas para non perder nin un segundo. Coas esaxeracións, mentiras e promesas irreais destes quince días, pero sen parar. Ou será que xa en realidade son así?