Ver non é crer

Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

27 jun 2020 . Actualizado a las 05:10 h.

Un xa non distingue entre o real e a ficción. Hai uns meses aplaudíamos a Obama por dicir sobre Trump verdades coma castelos, e tamén por chamarlle o que todos tiñamos en mente, pero logo soubemos que aquel vídeo do expresidente poñendo a caldo ó actual mandatario mundial era unha manipulación feita a propósito por un actor, para demostrar como se pode suplantar a imaxe e a voz de calquera sen que se note.

Hoxe máis ca nunca, ver non é crer. A manipulación está á orde do día, ata tal extremo que aínda non se inventou o aparello capaz de descubrir a verdade ou polo menos de contradicir con rotundidade o que chamamos as deepfakes. Con estas tecnoloxías das trampulladas demóstrase que refráns tan certeiros como aquel de que se colle antes a un mentireiro ca a un coxo quedaron obsoletos. Calquera cun ordenador pode poñer nas redes as palabras máis sorprendentes renegando do divino e do humano. O meu amigo Afonso pasoume un vídeo seu tocando a gaita mellor que Carlos Núñez, pois desde que lle regalaron a táblet fai milagres que a ningún santo se lle ocorrerían.

Esta pasada crise é un exemplo de bulos, trolas, mentiras e falso testemuño que nos obriga a comprobar cada noticia que lemos en todos os medios ó noso alcance, e tan ben feitas están estas trucaxes que a mentira, por disparatada que sexa, é máis doada de crer que calquera artigo selado e rubricado por un comité de expertos.