Confíns

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

19 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda estamos ao inicio do confinamento e xa podemos apreciar dúas cousas: a hiperactividade e hipercreatividade que vimos os primeiros días -recomendacións de películas, directos de Instagram e de Facebook, proxectos colectivos- comeza a se suavizar. Tamén a descuberta do teletraballo foi un gran chasco para moitos.

Despois de tanta loanza a esta modalidade laboral, moitos descobren que de panacea ten pouco e que tende a xerar, cando menos os primeiros días, máis estrés e cansazo que outra cousa.

Agora, as dúas vindeiras semanas iranse facendo máis duras, deberemos acomodar máis o noso ritmo e decatarnos de que estar recluídos nas nosas casas require tamén non trasladar as lóxicas entolecidas da vida normal. Estar na casa é vivir a un ritmo demorado nun espazo pequeno.

O que si estou convencido é de que o confinamento non se leva do mesmo xeito na cidade que no campo. O día antes de que comezara fomos poñer en orde a finca. De súpeto, o ritmo xa era outro. E non o digo como urbanita que vai ao campo de cando en vez. É que non é o mesmo estar recluído nun piso que nunha leira na que sempre hai que facer e na que, moitas veces, trabállase tendo como teito o ceo.

Se me colle outro confinamento destas características, agardo que sexa no rural e non na cidade; confío ter horizontes que ver e non pobres edificios con xente coma min, atrapados e con sensación de estar atrapados.

O confinamento valerá para moito, pero a min gustaríame que nos decatásemos, dunha vez, das moitas avantaxes da vida no medio rural.