Váisenos das mans

Carlos Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

10 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A nosa relación co patrimonio cultural e natural está acadando un punto estrafalario, por non buscar adxectivos máis pexorativos. Os últimos trinta días pódense considerar como tráxicos, como unha montaña sen cume na que a escalada está chea de penedos. A ocorrencia de chantar un deses bancos máis bonitos do mundo sobre un petróglifo foi a que máis inputs xerou nas mentes dos observadores incondicionais das noticias sobre o patrimonio, e aínda lle seguimos dando voltas ao funcionamento dos protocolos municipais nas obras públicas: seguimos escornando cando pensamos nos turistas antes de pensar nos nosos.

Cando aínda non tiñamos a solución do encrucillado, soubemos que outros veciños tiñan instalada unha grella sobre unha mámoa e utilizábana para facer churrasco. Non faltaron as pintadas nunha fachada de hai 500 anos utilizándoa como muro das lamentacións. E algo ao que xa estamos afeitos: o típico estrago feito polas máquinas forestais, arrasando «pedras do monte».

Se xuntamos os tres novos bens galegos que se unen á vergoñenta Lista roja de Hispania Nostra e os centos de árbores que cada semana se cortan a carón das estradas, o panorama é desolador.

Malia que berramos por cada unha delas, clamamos no deserto porque non escoitan. Gástanse os cartos en políticas menos necesarias, moitas delas espurias. Pobos con raíces coma as nosas (irlandeses, bretóns) non fan estas burradas. Hai días nos que temos ganas de tirar a toalla, porque non vemos mellora na conservación do legado que herdamos, ese que os maiores construíron para nós.