Alejandro Oujo, o percebeiro que amosa a ría de Arousa

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Hai unha década decidiu sacarlle partido turístico ao mar e agora oferta, verán e inverno, diferentes rutas náuticas e tamén a posibilidade de practicar pesca deportiva

17 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva case tres décadas pasando boa parte dos días enriba das ondas do mar. O xigante azul é o medio de vida de Alejandro Oujo desde dúas frontes ben distintas: o marisco e o turismo. Este experimentado mariñeiro foi quen de ver no 2008 que había un nicho de mercado máis alá dos percebes, as ameixas e as navallas que agochaban as augas do seu Aguiño natal e lanzouse a sacarlle proveito, fundando unha empresa co seu irmán Juan Manuel. A illa de Sálvora e a pesca deportiva son os dous piares desta sociedade, que tamén oferta visitas ás bateas e a todo o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Recoñece que o verán é o período estrela e a tempada máis recomendada para percorrer a ría de Arousa, pero Mar de Aguiño, como se denomina a empresa, fai saídas cada semana tamén no inverno: «Levamos fundamentalmente a grupos de biólogos, de voluntarios ou de docentes da universidade que van a Sálvora». As súas embarcacións tamén están dispoñibles para aqueles grupo que desexen lanzarse á aventura, aínda que aí o tempo é o que ten a última palabra: «Podemos ir ata as bateas ou pola ría, pero Sálvora está en alta mar e alí non se pode ir calquera día. Non podemos correr riscos».

Non dubida á hora de asegurar que a illa é a xoia da coroa barbancesa a nivel turístico: «Gusta moito porque está en estado case salvaxe e tamén pola tranquilidade. Hai que ter en conta que só poden acceder 250 persoas por día, polo que o panorama non é o mesmo que cando chegas a Ons ou a Cíes e te atopas a miles de turistas».

Mar de Aguiño non só ofrece a viaxe, senón que mergulla aos ocasionais tripulantes das súas embarcacións na historia e na riqueza paisaxística de Sálvora e da súa contorna: «Levamos a cabo unha ruta de dúas horas e media pola illa, camiñando cara o faro e cara a aldea e explicando como eran no pasado. No verán, a xente ten despois tempo libre para gozar da praia».

Predilección pola historia

Alejandro Oujo asegura que son esas historias que complementan a visita as que namoran aos turistas: «Gústalles moito descubrir como era a vida na aldea e tamén a función que tiña o pazo, que foi unha das primeiras fábricas de salgadura da ría de Arousa. Tamén lles interesa o naufraxio do Santa Isabel e o papel que xogaron as heroínas».

Aínda que agora é tempada baixa e a demanda se reduce drasticamente, o ribeirense está convencido de que o turismo náutico é un sector en auxe. Para mostra, a traxectoria da súa empresa, que empezou cunha embarcación e agora conta con catro e ten involucrados a varios familiares: «Tanto eu coma o meu irmán e socios somos guías oficiais do parque nacional, ao igual ca os nosos fillos. En total somos seis».

El, un namorado das postas de sol desde Sálvora e das vellas lareiras que aínda conserva algunha das casas da aldea, sorpréndese de que a illa siga sendo unha gran descoñecida: «De mil persoas que levo nos meses de verán, unhas dez deben ser da zona, o resto veñen de fóra. Ata hai veciños de Aguiño que nunca foron».

A pesca deportiva é outra das alternativas que ofrece Mar de Aguiño e que ten unha demanda que vai en aumento: «Levo aos afeccionados, sobre todo, a pescar robaliza e saen encantados». Alejandro Oujo tamén bota man da súa experiencia como mariscador, traballo que segue desenvolvendo, para amosar os proceso de captura das diferentes especies: «A xente alucina vendo como se collen os percebes, as navallas ou as ameixas, sobre todo cando comproban que despois de tirar dez minutos do rastro saen catro ou cinco bivalvos. Todos deberían probar esta experiencia para decatarse de que o prezo do marisco non é tan elevado como parece».

El está satisfeito de ter dado o paso para contar, como complemento, co sector turístico: «Véxolle moito futuro aquí na ría de Arousa, pero penso que falta publicidade».

Contacto. Os irmáns Oujo ofrecen os seus servizos de turismo náutico a través da páxina web mardeaguiño.es. Tamén están no Facebook.

Produtos. Travesías pola ría de Arousa, rutas polo Parque Nacional das Illas Atlánticas e xornadas de pesca conforman a súa oferta.