Michelin

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

05 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Andou estes días o mundo da gastronomía revolucionado pola concesión anual das estrelas Michelin. Hai moitos anos, cando comezaron os blogs, algunhas voces nos foros e mesas redondas apurábanse en adiantar a morte da guía vermella e do seu aparentemente caprichoso sistema de valoración por mor dos blogs e as -daquela- nacentes redes sociais. Téñome confundido en moitas cousas, pero non nesta: desde o primeiro momento afirmei que o auxe da gastronomía provocaría xusto o contrario.

As estrelas Michelin convertéronse na unidade de medida universal para establecelo todo na restauración, mesmo ata niveis tolos. Cando en MasterChef anuncian o cociñeiro convidado, o primeiro que contan del é o número de estrelas Michelin que acadou. O famoso distintivo regula o caché que pagan os congresos gastronómicos aos relatores ou o interese das Administracións ao escoller cociñeiros para os eventos gastroturísticos.

Galicia ten un número aceptable de restaurantes cunha estrela Michelin, pero non dá pasado á división de honra das dúas ou tres estrelas. Haberá que preguntarse por que: non todo ha ser culpa dos inspectores. Desde o punto de vista local, é preocupante que unha área coma a nosa, na que o turismo é importante, só existan dous negocios incluídos na guía por Michelin (e non con estrela, senón coa categoría inferior, os bib gourmand). Son a Casa dos Martínez (Padrón) e O Muíño (Esteiro, Muros). Os dous meréceno de lonxe, pero non hai dúbida de que á imaxe da zona lle beneficiaría un número maior.