Finou agosto, rematou o verán e recuperamos as nosas vilas. Retorna a normalidade. Os pais e nais están felices, os mestres pode que un pouco menos.
Os que de seguro están moito máis relaxados son os camareiros; eses mártires do trato cos forasteiros; a punta de lanza fronte a falta de educación e vergoña dalgúns dos veraneantes que nos visitan cada tempada estival.
Eu vin con estes ollos cousas que non creriades: sentarse catro nunha mesa, pedir dous, pero esixir catro tapas; se non lles gusta poñen mala cara e reclaman outra cousa. Se á primeira hora había camaróns, pero agora só queda chourizo, eles queren eses camaróns a toda costa; como se tes que coller o truel e arrimarte a Carragueiros. Despois nos bares das súas cidades aproveitan as croias das olivas.
Vin o Tresca cheo ata a bandeira e chegar unha familia da Meseta pretendendo xantar en quince minutos; tentar marchar sen pagar; roubar botellas da barra… En fin, cousas que algún comecodeas de aquí tamén podería facer, pero o comecodeas é noso e sabemos onde vive.
Presupoñémoslle a quen nos visita modos educados e cordiais, pois están de vacacións e, polo tanto, descansados e contentos. Pois non, moitos deles semella que nos estean a facer un favor vindo a roubar o marisco das praias.
Desculpen estas xeralizacións. Hai forasteiros estupendos. Os vascos, por exemplo, adoitan a ser encantadores. Mais este mesmo que redacta tivo que aturar malas verbas con acentos indescifrables, e sen estar tras unha barra. Así que camareiros da Barbanza; traballadores cara o público en xeral: vai por vostedes.