O mar ponse ao alcance de todos

Uxía Pérez / M. X. B. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Máis de catro mil persoas con discapacidade embarcaron no veleiro de Cogami

16 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Corría o ano 2002 cando un veleiro dedicado ao narcotráfico era incautado nas rías galegas. Agora, 17 anos despois, este mesmo barco encárgase de achegar o mar ás persoas con discapacidade. Hai uns días puido verse por Camariñas. Esta iniciativa é posible grazas a Adisbismur (Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros). Ramón Sestayo, nado en Muros, é o seu presidente. Conta como foi o arranque deste proxecto: «Muros é unha vila mariñeira, mais para as persoas con discapacidade, o mar era un ámbito no que era imposible traballar ou mesmo ter acceso a el». Dende que naceu esta asociación no 1982, lóitase por darlle visibilidade ás dificultades que teñen as persoas con discapacidade para gozar do xigante azul.

Despois de pedirlle á Audiencia Nacional aquel barco incautado procedente do narcotráfico, o Laion navega cada verán polas rías galegas. Este é un proxecto sen ánimo de lucro, no cal aqueles que exercen de patróns non son máis que meros voluntarios que pretenden achegar a súa sabedoría aos que se animan a embarcar.

Dende os seus comezos, a embarcación de Adisbismur, que é xestionada por Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), xa achegou o mar a máis de catro mil persoas con diversidade funcional. Son douscentos os pasaxeiros que cada verán poden estar máis preto da navegación grazas a esta iniciativa. Deste xeito, o programa converteuse nunha das ofertas de lecer máis solicitadas por parte dos usuarios de Cogami.

Os chamados bautismos de mar son travesías a vela. O Laion ofrece esta posibilidade organizando quendas de oito persoas, con percorridos de ata tres horas polas rías galegas. A finalidade non é outra cá de aprender todo tipo de actividades marítimas, como a navegación a vela, o manexo do temón, a elaboración de nós náuticos e mesmo o vocabulario propio do gremio.

Do interior de Galicia

Os dispositivos cos que conta o veleiro, desde o guindastre ata os asentos, están adaptados, de xeito que permiten a implicación nas actividades náutico-deportivas a todas aquelas persoas que non tiñan ate o momento a posibilidade de facelo. A embarcación, de 13 metros de eslora, ten unha capacidade máxima para 10 persoas, das cales dúas son os tripulantes e outras dúas, acompañantes.

Ramón Sestayo, responsable de Adisbismur e vicepresidente de Cogami, tamén conta como «o proxecto permitiu que xente do interior de Galicia que non estaba familiarizada co mar, puidese acceder a el». É por isto que Cogami tamén colabora con outras entidades con obxectivos similares, entre as que están Misela de Noia ou a Asociación da Disvalía de Valdeorras.

Unha das metas máis relevantes que se conseguiu no marco do proxecto Gavea (Galicia Vela Adaptada) foi que «a industria do mar se comezase a cuestionarse este tipo de problemáticas, xa que grazas á visualización que estamos tentando dar, algúns portos e clubs náuticos están comezando a adaptar as súas actividades e instalacións a este tipo de necesidades». Tal é así que mesmo portos deportivos situados polas diferentes rías galegas prestan os seus amarres para facilitar a navegación desta embarcación.

Mais as travesías do veleiro adaptado Laion non só se limitan ás rías galegas, senón que este barco xa navegou polo mar Cantábrico e polas costas de Cataluña e Valencia, percorrendo case por completo o litoral español.

A felicidade cos obxectivos acadados grazas á embarcación adaptada é notable, pois este veleiro está moito máis preto de cumprir o soño polo que naceu: «Pretendemos avanzar cara a accesibilidade total no campo marítimo e darlle a máxima visibilidade», apunta Sestayo.

O veleiro. O Laion foi incautado ao narcotráfico no ano 2002 e cedido a Adisbismur, colectivo membro de Cogami.

O proxecto. O barco conta con dispositivos adaptados que permiten aos seus pasaxeiros participar nas actividades propias da navegación.