Xa están aquí

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

09 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Coma cada ano volven os turistas ás nosas cidades, e con eles o barullo ausente no resto do ano. Non sei se onde viven a diario levan esa axitada vida, ou non saben desconectar, porque o balbordo comeza ás dez da mañá e non remata ata as catro da madrugada seguinte. A súa conduta semella a dunha colonia de cabalos desferrados.

Xa pola mañá, o ruído dos labores previos á marcha para a praia recórdanos a algarabía dos corredores de bolsa antes da súa informatización. Pais, nais e rapaces berrando toda a mañá por asuntos relevantes como un traxe de baño, un iogur ou unhas chancletas. Parece que non dan saído para a praia, na que seguirá a troula.

Menos mal que adoitan xantar fóra da casa e durante unhas horas os veciños dos edificios con pisos turísticos poden descansar. Pero á tardiña volve a manda á base e a esmorga segue: que se a ducha, que se a calor, que se alguén se queimou, que se a cea. Pero, como no verán Galicia é unha verbena continuada, trala parva da noite saen de foliada outra vez. E deixan o can na casa, que ladra e ouvea porque non está afeito a ficar só nunha casa allea, xusto cando o resto de residentes pretenden conciliar o sono. Xa cando o cadelo se aburre de predicar no deserto, e o edificio está en paz, acaba a festa e regresan, como elefantes nunha cacharrería, vociferando, batendo as portas, sen respecto ningún pola xente que dorme.

Con esta irrespectuosa conduta, os veciños que traballan acaban cheos deles. Non quero imaxinar como é a vida normal dunha familia en cidades turísticas. Así xorden as protestas en lugares que son xa inhabitables.