Blanca Valiño: «O marisqueo é un traballo duro, pero engancha»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

marcos creo

Alude á escaseza de bivalvo autóctono e ao furtivismo como os grandes perigos que ten a súa profesión

29 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva 27 anos, o que para ela é bastante máis de media vida, levantando o rastro para conseguir o sustento, loitando por extraer da area os tesouros que en forma de bivalvos lle regala aos seus habitantes a ría de Arousa. Sabedora da dureza da profesión que elixiu, Blanca Valiño non dubida en asegurar que se xubilará na praia. Sinala que, a pesar da incomodidade de meterse na auga nas xornadas máis frías do inverno ou de expoñerse ao astro rei os días máis calorosos do verán, está enganchada ao marisqueo.

Blanca Valiño tiña 20 anos cando colleu por vez primeira un rastro na man. Como lle ocorre a tantas outras mulleres de Galicia, viu no mar a saída laboral máis axeitada para compaxinar o traballo coa casa e co seu fillo, que nacera con problemas de saúde: «Podía permitirme traballar catro horas e dedicar o resto do día a coidalo». Asegura que, pese ao tempo transcorrido desde aquel primeiro desembarco na praia, o método de traballo non cambiou: «Segue a ser totalmente artesanal. O rastro, o sacho e o angazo son as nosas ferramentas, as mesmas que usabamos cando eu empecei nisto».

Pero o escenario co que se atopan Blanca Valiño e os seus compañeiros de traballo cada día si que sufriu unha importante transformación, alimentada segundo di por dous problemas que van a máis: a escaseza do produto e a actuación dos furtivos. Sobre esa redución de bivalvo non dubida á hora de explicar os que para ela son os motivos principais: «Non hai sobreexplotación, xa que cando eu empecei eramos 271 mariscadores na confraría da Pobra e agora superamos por ben pouco o cento. O que penso é que as especies foráneas, como é a ameixa xaponesa, están coméndolle terreo ás de aquí. Cada vez hai menos ameixa fina e babosa, e tamén menos berberecho».

Dúas preocupacións

A ela xéralle mágoa e moita preocupación comprobar cada día que este cambio nos areais é imparable: «É unha pena, pois o marisco noso é moito máis saboroso, pero está claro que a ameixa xaponesa veu para quedar, porque é moito máis resistente cá de aquí. Foi un erro tela introducido na ría de Arousa, porque o mar leva os exemplares dun lado para outro e acabará invadindo a ría por completo».

A outra grande ameaza do sector, extensible tamén a toda Galicia, é a cada vez maior frecuencia coa que actúan os furtivos: «Nós vixiamos no verán, para que os turistas non nos leven o marisco, pero non podemos pagar vixilantes extras para que estean todo o ano controlando, pois non nos resultaría rendible». Alude ademais a que o furtivismo está cada vez máis organizado e estrutúrase en bandas que actúan con rapidez, contra as que é moi difícil loitar.

Aínda con estes aspectos negativos nun lado da balanza, para Blanca Valiño seguen a pesar máis as vantaxes que lle reporta a súa profesión: «Para min, o mellor é que son autónoma e podo distribuír o meu tempo. Este é un traballo moi agradecido, un proceso artesanal que se desenvolve ao aire libre. O marisqueo é un traballo duro, pero engancha».

Faceta de guía turística

Tan convencida está do atractivo que supón o feito de extraer o produto da area que mesmo exerce de guía turística cando hai un grupo de visitantes ou de escolares interesados en coñecer o proceso: «Dalgún xeito, eu levo facendo isto toda a vida, xa que no verán achéganse a nós forasteiros, tanto na praia como na lonxa, e eu nunca me neguei a responder ás súas preguntas». Esta faceta serviulle para valorar aínda máis a súa profesión: «Si que me sorprende que á xente lle interese tanto este tema e que exista tanto descoñecemento. Teño visto algún turista que non sabía que as ameixas e os berberechos vivían enterrados na area, descoñecían que había vida aí debaixo, algo que para nós é tan evidente. Outros fan cola para usar os rastros».

Nas leccións que imparte a pé de praia aproveita para insistir, sobre todo cando os alumnos son nenos, na necesidade de protexer os recursos e de coidar o mar. Tal é a súa implicación neste proxecto que puxo en marcha o Concello da Pobra que Blanca Valiño apunta que o turismo case logrou desbancar ao marisqueo na súa clasificación de paixóns. Se ten a posibilidade, seguirá alternando estas dúas facetas, tan vinculadas entre si: «É certo que ás veces me sinto cansada e con dor de costas, pero é un traballo que fago con gusto e quero seguir co rastro ata que me xubile».

Deportista

Desde hai pouco máis dun mes, Blanca Valiño tamén é remeira. Ela e outras nais de deportistas do club de remo pobrense decidiron sacar ao mar unha traíña, a primeira da categoría de veteranas que suca as augas galegas