Ese tempo que voa

Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

matalobos

13 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Supoño que a todos nos pasa o mesmo, que a medida que cumprimos anos a vida semella fuxir con máis présa, e sen embargo o tic-tac do reloxo sempre é o mesmo. De nenos as horas non daban pasado, un curso duraba unha eternidade e o que fixeramos dous meses atrás semellaba perdido na prehistoria. Coa idade a cousa foi cambiando paulatinamente e agora, o que fixemos hai dez ou 15 anos parece que foi onte, a pesar de que as axendas cheas de borróns enchen caixas que abarrotan os andeis da vida. Unha aparente discrepancia que o calendario nos nega.

As razóns de por que o reloxo da memoria non se acompaña coa máquina que mide as horas é algo inexplicable. Aquilo de Einstein, da dilatación do tempo, adornado cunhas fórmulas que calquera rapaz de instituto sabe desenrolar e moi poucos científicos son quen de explicar, nada teñen que ver co asunto este da duración dos días segundo se teñan quince ou cincuenta anos; e estou por dicir que quen máis se acercou a definir esta elasticidade foi Dalí co cadro titulado A persistencia da memoria, con eses reloxos que parecen de chicle, aínda tendo as agullas e os números colocados onde realmente lles corresponde.

Como queira que sexa, esta percepción de que os anos e os días corren que voan é unha curiosidade que traspasa os límites da física, pois aínda non sabemos da lei matemática que rexe tal fenómeno. Intuímos unha curva exponencial, por aquilo de que cantas máis velas apagamos máis sentimos a necesidade de desacelerar todo.