O que non vemos do noso patrimonio cultural pérdese cando morre a xente que o transmite, e arestora en Galicia vivimos un deses momentos críticos na transmisión dun inmenso legado sintagmático, único. Se ben se fixo coa música galega, non acontece o mesmo cos topónimos, cos ditos populares, cos ritos e coas lendas.
Dá gusto escoitar a expertas como a arqueóloga Ana Filgueiras Rey cando transmite todo o que non vemos, cunha paixón que namora ata ao máis escéptico. Cando vemos un lavadoiro, unha fonte, un cruceiro ou un muíño, o único que percibimos é a arquitectura, as pedras e a madeira; talvez algúns vaian máis alá pensando na xente que os creou, na xente que os utilizou, pero non saberán que poden ter un carácter sagrado ou de curación, os lugares das mouras, espazos nos que sucederon historias que non podemos ver.
No caso dos cruceiros, moita xente chega a banalizalos e, como un conxunto de pedras, instálaos nun xardín ou nun espazo baleiro de contidos, cando o lugar no que está o cruceiro garda un simbolismo relacionado co cerimonial e sagrado -do pobo, que nada ten que ver coa igrexa-. Mover un cruceiro «a un lugar que non moleste» é esquecer o que somos como pobo, é actuar con ignorancia.
Ana non é a única investigadora, afortunadamente, do máis alá deste máxico país; hai outras persoas como o experto Rafa Quintiá ou Natividad Rey, que permanecen atentos ao inmaterial, ou Carme Toba, que recolle expresións que hoxe son descoñecidas para a maior parte dos galegos. Filgueiras destaca que as obras e plans urbanísticos deben telo en conta para non estragalo.