Día das artes

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

02 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte celebramos o Día das Artes Galegas, dedicado ao gran artista Luís Seoane, na quinta edición desta efeméride que se conmemora cada primeiro de abril dende 2015, no que os homenaxeados foron Mestre Mateo, Castelao, Maruxa Mallo, Alexandre de la Sota e Luís Seoane. Así como o Día das Letras Galegas xa é un clásico que todo o pobo coñece, en parte porque é un día festivo na comunidade, tamén porque levamos 55 anos celebrándoo, o día das artes aínda non acadou o prestixio e recoñecemento entre nós. Sen quitarlle importancia ás letras, que tamén poderían ser consideradas como arte, pola creatividade, interesa agora impulsar estoutro evento non menos importante que debe acadar a mesma relevancia que o anterior.

A escolla do día 1 de abril para celebralo cada ano non é aleatoria, responde á conmemoración do día no que o Mestre Mateo colocou os linteis do Pórtico da Gloria, no ano 1188, e tamén foi el o primeiro homenaxeado pola Real Academia Galega de Belas Artes, que é a institución que promove o día das artes.

Cómpre destacar que o rianxeiro universal Alfonso Rodríguez Castelao, que foi homenaxeado na segunda edición do día das letras, en 1964, trala primeira dedicada a Rosalía, tamén foi o segundo ao que se lle rendeu homenaxe no día das artes, por ser un polifacético autor que cinguiu letras e artes, debuxo, caricatura, e toda clase de creación artística. Non quero esquecer ao pontevedrés De la Sota, grande arquitecto moderno, pouco profeta na súa terra, premio nacional de arquitectura e universal ao que xa lle derrubaron unha casa por falla de protección.