Ondas estrañas no mar

JOSE LIRES

BARBANZA

CEDIDA

O risco de tsunami é real en Galicia, pero non moi elevado

29 mar 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

Algunhas fotografías, pinturas, ou mesmo gravados clásicos, transformáronse en estampas icónicas co paso do tempo. Non podo dicir que teña unha imaxe predilecta deste tipo, pero si unha especial querenza pola recoñecida obra do pintor xaponés Katsushika Hokusai (1760-1849) A grande onda de Kanagawa. A escena representa unha paisaxe mariña onde, en primeiro plano, unha xigantesca onda ameaza afundir varias embarcacións. Ao fondo aparece a silueta do monte Fuji como testemuña da inminente traxedia. Sospeito que certa inspiración nesta obra tivo o deseñador do sinal universal de risco de tsunamis.

Esta palabra, de exótica grafía, parece trasladarnos cara a un mundo alleo á nosa contorna inmediata. Na mente temos os devastadores efectos que produciron os tsunamis acontecidos nas costas de Indonesia, Xapón ou Chile con milleiros de vítimas mortais e incontables feridos. Pero nada máis lonxe da realidade. Sendo Galicia unha comunidade definida como de sismicidade moderada, e observando a particular configuración do noso litoral, poderiamos preguntarnos canto de excéntrico tería o falar do risco de que nos afectase un tsunami.

A fonte máis próxima xeradora de sismos susceptibles de desencadear tsunamis localízase no Atlántico, ao suroeste do cabo San Vicente, na denominada falla de Azores-Xibraltar. Trátase dunha zona de converxencia das placas tectónicas africana e a euroasiática bastante activa.

Movementos telúricos

Pero non todos os movementos telúricos acaecidos no mar producen tsunamis. Os máis perigosos serían aqueles de magnitude superior a 7 e que provocan unha deformación vertical importante do fondo mariño, desprazando, en ese mesmo sentido, a columna de auga situada por riba do terreo deformado.

Tampouco debemos confundir as ondas xeradas por un terremoto e as ondas producidas polos fortes temporais de vento. As primeiras afectan a toda a columna de auga, dende a superficie ata o fondo, mentres que nas segundas unicamente se ve alterada a parte superior do océano. En alta mar, as ondas de tsunami caracterízanse por viaxar a grandes velocidades sen acadaren alturas relevantes, pero cando se achegan á costa, e sobre todo a costas baixas, as ondas perden velocidade, acúrtase a distancia entre as cristas e a enerxía acumulada provoca que gañen en altura xerando un muro de auga cun gran poder de penetración cara ao interior do continente.

Terremoto de Lisboa

O tsunami que sucedeu ao coñecido como terremoto de Lisboa de 1755 deixou un regueiro de vítimas e destrución ao longo da costa atlántica da península Ibérica. Os seus efectos tamén se deixaron notar no noso litoral dende A Garda ata Viveiro. As crónicas daqueles días evidencian o estupor das xentes, previamente atemorizadas polas sacudidas do solo, ao presenciar o anómalo fluxo e refluxo do mar. Axiña abrollaron as crenzas nun castigo divino alentadas pola data do suceso, o Día de Todos os Santos.

O risco, polo tanto, é real aínda que non tan elevado como noutras partes do planeta. Porén, o deterioro dos hábitats costeiros, sistemas de dunas, praias ou marismas, así como a crecente presión urbanística exercida sobre o litoral, acentúan os efectos daniños destes eventos.

Unha sociedade informada debería estar máis preparada para facerlle fronte ás consecuencias dos cada vez máis mortíferos desastres naturais. Non me cabe dúbida de que o amigo Xosé Maneiro, aproveitará a mesma fotografía que me prestou a min, para ilustrar unha clase de xeografía sobre o tema. As aprendizaxes deixan pegada.

Quen lle ía dicir a aquela rapaza británica, de vacacións en Tailandia no 2004, que os seus coñecementos, adquiridos a miles de quilómetros nun condado sen vistas ao mar, ían salvar vidas!

Sinal advertindo do perigo de tsunamis na baía de Monterrei (California)