Servidumes con gusto

José Vicente Domínguez
José Vicente Domínguez LATITUD 42°-34, 8 N

BARBANZA

07 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivir nunha parroquia ten moitas vantaxes e algunhas servidumes. As primeiras lévanse ben, e as segundas, pois tamén.

Vén isto a conto de que algúns dos veciños que me len deben pensar que os políticos e mailos xestores dos bens públicos teñen en conta as opinións dun escribidor que un xoves si e outro non -se cadra- permítese dar a súa opinión nesta latitude, como mellor sabe ou máis ben pensa que sabe.

Agora ben, transmitir o que os veciños lle din é moito máis doado, por canto que o escribidor tan só lle ten que poñer letra á música que lle contaron. E xa que logo, sen máis preámbulos, velaí as tres cousas do que hoxe toca falar, de parte dos meus veciños:

Paso de peóns. Na rúa do Norte, hai un paso de peóns que non está ben situado. A maioría das persoas que deben cruza-la estrada, fano para ir á farmacia, ao súper que alí hai, á de Baldomero ou tamén ao estanco. Entón, por que non poñelo paso de peóns no lugar máis transitado, e que ven sendo xusto fronte á farmacia? Quen me suxeriu isto, díxome que se fan caso á proposta, convídame a un mencía. Xa ven que paga a pena.

Varandas de ferro inexistentes. No galpón que tivo a ben realizar Portos de Galicia, facendo uso da súa pouca imaxinación, hai unha terraza na que lle faltan, non unha, nin dúas, senón sete ou oito ferros que deixan aos nenos indefensos ante unha posible caída desde o alto onde xogan.

Nais e pais, avós e avoas, póñense dos nervios cando ven aos seus xogar alá arriba. Estas cousas de Portos, sempre me caen a min por razón de veciñanza. Penso que non o será polo feito de ter sido capitán da mariña mercante.

Contedores de lixo. Agora son grandes coma alboios. E por se fora pouco o espazo que ocupan, á saída do Porto cara a estrada xeral, puxeron tres, un dos cales non deixa ver os coches que veñen de contra a Pobra. Ó amigo que a piques estivo de esmendrellarse contra outro coche, tocoume velo a mín. Tan só xuraba en hebreo e berraba tal que así: «Seica pensan qué é transparente!». E, inda que non viñera a conta, tamén dicía: «A partires de hoxe, vai a reciclar San Pedro!». Este bo amigo, có susto que tiña no corpo, non estaba para convidadas.

P.D. Non me pasen máis queixas nin suxestións polo momento. Tal como están as cousas, deste xoves en oito días gustaríame escribir de política. Grazas.