Pato bravo

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

FORXAN

09 ene 2019 . Actualizado a las 14:03 h.

Con este fascinante alcume definen os portugueses a especulación, tamén a transformación da arquitectura e paisaxe tradicional -tras longas vagas da emigración a outros países europeos- no que coñecemos en Galicia como feísmo ou maltrato da paisaxe. Aínda que de xeito difuso, dáse nos primeiros 150 quilómetros do país veciño, sobre todo en canto nos achegamos a lugares de interior, os máis azoutados pola emigración masiva e polo regreso á terra. Certifica que malia as fronteiras administrativas creadas posteriormente, de algún xeito mantense o espírito e a personalidade da Gallaecia romana e do posterior Reino de Galicia, que tiñan Braga (Bracara Augusta) como capital do noroeste peninsular, e que chegaba de Ortegal a Coimbra.

Igual que en Galicia, os construtores artesáns emigraron e interrompeuse a transmisión do saber construtivo. A falta de artesáns, nace a figura do espertalhão ou chico esperto (o pequeno construtor local esperto, que non igual que experto) que introduce novos materiais (ladrillo, cemento, bloques, aluminio) sen experiencia nin coñecemento previo sobre construción. Abandonan os materiais tradicionais: a pedra, a madeira, o cal, dos que tiñamos moitos anos de experiencia acumulada, para dar paso a un modelo con materiais alleos á natureza. Novos modelos son definidos en Portugal como «construción civil improvisada e de mala calidade» (feísmo) que cambian o modelo tradicional por estoutro que é máis rápido e que relacionan cunha vida mellor, sentándose unha moda baseada na mediocridade construtiva, que chega ata os nosos días.