O dirixente aposta por alcanzar nuns anos a liga EBA cun bloque sénior formado por rapaces da canteira
28 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.José Ramón López, Mon, (Noia, 1974) leva unha vida atado ao baloncesto. Comezou lanzando á canastra cando era un adolescente e agora segue dende a distancia o que acontece no parqué. Faino como director deportivo dun dos conxuntos máis importante da zona, un Club Baloncesto Noia que segue medrando.
-Seguen abrindo fronteiras, ¿como foi o comezo da tempada?
-Moi ben. Nestes intres estamos nun momento de expansión. Tivemos un crecemento de máis do 40 % no número de rapaces. Estanse facendo as cousas ben e o club quere medrar ano o ano. No eido deportivo, os tres conxuntos sénior están ben colocados. O primeiro equipo con opcións de fase de ascenso, o feminino vai líder e o terceiro conxunto tamén loita por todo.
-¿Un 40 %? ¿A que cre que se debe ese incremento?
-Creo que se traballa ben. Partimos da base de que somos un club formativo, polo que o primeiro é formar persoas e despois deportistas. Neste club teñen sempre unha saída, poden comezar sendo nenos e alcanzar o sénior sen ter que mudar de conxunto. A maiores, dende que entrou esta directiva fomentamos o trato coas familias, impulsando actividades ao longo do ano, como pode ser Halloween ou fin de ano, así como a creación dun equipo para nais. Todo iso fai que sigamos medrando.
-Esta directiva leva tres anos á fronte do club, ¿como foron?
-Creo que nun primeiro momento, visto o traballo da anterior, sabíamos que era complicado manter a traxectoria, porque se viñan facendo as cousas moi ben. Creo que se aportou unha visión e ideas diferentes. Seguiuse mantendo o nivel deportivo e aumentouse o social.
-¿Ten teito o C.B. Noia?
-Estamos arredor das 200 fichas, pero cremos que podemos darlle cabida a 50 rapaces máis. Ese sería o noso teito. A partir de aí teriamos problemas de instalacións. Estamos falando co Concello para que nos axude nese senso, pero sabemos que os pavillóns non caen do ceo. Temos a súa colaboración e son sensibles ao que propoñemos.
-¿Que saúde ten o baloncesto nesta zona?
-Goza de boa saúde. Hai moitos nenos practicando o noso deporte en todos os pobos da redonda. Boiro, Ribeira ou o noso son clubs que levan traballando toda a vida para que non se perda.
-Son un dos poucos clubs que teñen todas as categorías.
-Fáltanos o júnior feminino, pero para o ano esperamos telo. Somos un club que contamos con equipos de rapaces e rapazas, e iso é un valor engadido. No fútbol, por exemplo, só hai mozos, polo que o noso abano é algo máis amplo.
-¿Pensa en chegar á liga EBA co sénior masculino?
-Gustaríanos, pero queremos facelo coa nosa xente. Veñen por diante boas xeracións, rapaces que poden competir a ese nivel. O noso club está aberto a todo o mundo, pero a nosa política non é a de fichar 14 xogadores para subir de categoría.
-Ao final é pan para hoxe e fame para mañá.
-Na última década púidose ascender tres veces, pero sempre o descartamos polo aspecto económico, xa que esixe un aumento orzamentario considerable. Para facelo debería ser con máis do 50 % do equipo procedente da nosa canteira. Creo que sería un orgullo. Estamos traballando niso e pode tratarse dunha realidade a curto ou medio prazo. Penso que entre dous ou catro anos poderíamos dar ese salto. Hai que ver como saen as cousas, como se compite ata ese momento.
-¿E co sénior feminino?
-Despois do bloque que conseguimos xuntar poderíase dar un salto e xogar en Primeira División. É algo secundario, porque o que queremos é que as nenas non cheguen aos 16 anos e teñan que abandonar o baloncesto. Se o fan é porque así o deciden, non porque non teñan onde xogar.
-Falando do aspecto económico, ¿como está o club?
-Este é un club saneado. Contamos cun apoio moi importante do Concello, e este ano tamén da concellería de Turismo para darlle pulo ao Portus Apostoli. Para nós é importante, pero detrás tamén está o esforzo da directiva, de buscar patrocinadores.
-Levan tres anos, pero entendo que precisan máis tempo para acadar os seus obxectivos.
-Este é o primeiro ciclo, pero a idea é alongalo no tempo para tratar de colocar ao club onde cremos que debe estar.