Mil cines

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

19 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un empresario está abrindo cines en localidades con perda de poboación. Non sabemos que estudos ten feitos para abordar tal iniciativa, pero dubido que arrisque os seus cartos se non ve viabilidade no que emprende.

Galicia chegou a ter mil salas de cine, á parte dos teatros e salas de baile. Cambiaron os tempos, pero as arquitecturas transfórmanse e poden acoller novos usos, como concertos, relatorios e incluso encontros políticos.

Non se entende como os concellos rifan por inaugurar novos auditorios namentres deixan esmorecer os vellos cines e teatros, que forman parte do patrimonio -material e inmaterial- e gardan segredos e vivencias de varias xeracións, e que moitas veces son tipoloxías arquitectónicas dignas de preservar para o futuro.

Velaí están, esmorecendo, exemplares como o Adriano de Fene, o Zárate de Mugardos, o París de Muros, e moitos máis que non collerían nesta sección, lugares máxicos para os nosos avós, caixas de recordos que manteñen viva a memoria dun pobo.

Outros tiveron máis sorte, como o Elma da Pobra ou o Principal da Estrada, que foron restaurados, e que hoxe son lugares de reunión dos veciños, centros de divulgación das distintas artes.

O que máis doe é ver como centos de equipamentos culturais -así é como se chaman tecnicamente- foron demolidos para especular coa leira e construír vulgares edificios de vivendas, perdéndose toda referencia, perdéndose parte da identidade da localidade.

O primeiro que deben facer os concellos é clasificalos como equipamentos no planeamento urbanístico, impedindo a transformación do seu uso a residencial.