Fernando Siaba: «A saída é ter plans de explotación para traballar de forma continua»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

jorge parri

Sen lonxa e con poucos socios, a supervivencia da entidade resulta complicada debido á falta de ingresos

22 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A crise propiciou que, hai seis anos, Fernando Siaba Espasandín mudara o seu traballo no sector de artes gráficas pola actividade no mar, dedicándose a coller percebe e poliquetos: «A empresa pechou e tiven que facer un cambio de vida radical». Non obstante, sempre estivo vinculado ao sector, porque toda a súa familia traballa nel. As eleccións ás confrarías convertérono en patrón maior, un labor nada doado nunha entidade con tan poucos recursos como a do Pindo.

-Ser mariñeiro no Pindo require moito esforzo?

-Hai que pelexar moito. Eu conseguín o pérmex do percebe, pero só con iso non se vive. Tiven que facerme tamén co dos poliquetos para poder saír máis días ao mar e facer un salario. A extracción de crustáceo é temporal, son xornadas puntuais. De feito, as dificultades para que a xente poida sacar un salario é o principal problema que temos na nosa confraría.

-Non hai moitas persoas dedicadas a coller poliquetos.

-Aquí somos oito. Temos case 200 días de traballo. Ten bastante saída para a pesca deportiva. Vendemos a distribuidores. Nesta zona collemos gabilán ou catalá, que é un tipo de miñoca moi boa. Trátase dun mercado bastante pechado, pero existe demanda.

-Como ve o futuro da confraría do Pindo?

-É bastante complicado. A saída é ter plans de explotación para traballar de forma continua. Iso permitiría que os mariñeiros non marchen. Estamos agardando a ver se a Consellería do Mar nos dá permiso para comezar coa extracción de ourizo e tamén queremos desenvolver un plan para as algas.

-Que impide poñer en marcha a recollida de algas?

-Non conseguimos compradores. Temos algas tanto para uso alimentario como cosmético. O plan xa leva tempo aprobado e parecía unha oportunidade, porque estaba collendo moito pulo. Falamos con empresas, pero non chegamos a acordos e querémolo intentar de novo

-Non teñen máis recursos?

-Tamén collemos mexilla para os bateeiros. A campaña empeza en decembro e prolóngase ata o mes de abril. Imos en función dos pedidos que haxa, pero o ano pasado foi moi malo. O importante é que teñamos á xente traballando e o ourizo pode ser unha salvación, porque deste xeito tería máis ingresos a entidade.

-E o turismo mariñeiro?

-Iso segue en pé, temos uns roteiros e facemos visitas para que a xente vexa como se colle o marisco, pero trátase de cuestións puntuais.