Baixa o pano

Segundo Durán

BARBANZA

19 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non teño mellor expresión para resumir a chegada á súa meta dunha grande dos escenarios onde podan atoparse e, sen dúbida, mellor persoa. É complicado imaxinar como nun corpo tan miúdo, nun envoltorio tan fermoso, tan cheo de vida se pode acumular tanto sentimento e tanta capacidade de xerar boas intencións.

Acumúlanse, de súpeto, tantos momentos gozados e compartidos, que non podería quedarme con ningún en particular. Aínda me parece estar no salón de actos do colexio de Castiñeiras, cos primeiros ensaios de teatro, cando sendo moi cativa, xa os teus ollos debuxaban a ilusión que querías transmitir aos que estabamos preto de ti. A mesma que, despois de tantos anos, seguías mantendo cando da túa alma saíu, coma un suspiro, unha das mellores Martirio que Lorca puido imaxinar como filla de Bernarda Alba.

Quedo coa última aperta que nos demos no auditorio sentindo no teu abrazo a forza do cariño que ambos compartimos. Xa, a partir de hoxe, volverás novamente aos ensaios como falabas que che gustaría porque, coma sempre, estás dentro de nós e o teatro seguirá a darnos motivos de sentirte con nós.

Dixéronme un día: «Desta vida levarás o que deas aos demais». É certo, ti viaxas chea de amor, todo canto ti nos regalaches. A nosa ovación e amizade eterna será o teu pasaporte para a inmortalidade. Simplemente bicos, Paula.