Teresa Castro: «O exercicio é bo para a alma»

A noiesa pide sentido común en plena febre polo «running» e destaca a importancia dos hábitos saudables


Ribeira / la voz

Teresa Castro (Noia, 1968) é un dos nomes propios do deporte veterano da comarca. Semanas despois de conquistar o subcampionato mundial de cross, bota a mirada ao que supón para un adulto retomar o deporte de competición, a importancia dunha vida saudable e a súa relación co Club Atletismo de Noia.

-¿Como viviu o Mundial?

-Foi un reto moi importante. Antes tiven que marcarme pequenos obxectivos. Se te pos unha meta moi alta dende o principio podes frustrarte moi de contado. O verme rodeada de atletas de nivel, con algúns exolímpicos, fíxome parecer moi pequena ao seu lado. Cando rematei sentinme emocionada, atafegada, pero tamén satisfeita.

-¿Como foi a preparación ata chegar alí?

-Moi difícil. Vivimos nun mundo de vehículos e non de peóns. Un día botáronme da estrada e sufrín unha fractura na man dereita. Tiven o brazo inmobilizado, pero un gran profesional axudoume a recuperalo e poder adestrar. Cos anos non somos tan resistentes, polo que aumenta a tendencia a lesionármonos. Tiven a sorte de contar cun gran adestrador, Javier Novo, que, a pesar da distancia, axudoume en todo. Sigo defendendo que os meus éxitos son del e os fracasos meus.

-Cuarta en cross e en 5.000 metros, subcampiona do mundo por equipos. Case nada.

-Teñen máis valor vendo a xente coa que compites, cos seus recursos e experiencia. A preparación foi fundamental. Gústame máis a táctica que correr [ri]. A pista é moi obxectiva. As condicións son moi semellantes tódolos anos. Así podo ter en conta o que fixen o curso anterior. Iso axúdame a centrarme, a saber o ritmo que debo marcar. Sei que hai competidoras con máis calidade, pero intento ir ao meu. Foi así como puiden conseguir eses postos. É clave a planificación da competición, é como xogar ao xadrez.

-¿Considera que existe unha febre polo running?

-Os estilos de vida saudables non pasan por un esforzo tan grande. Correr fíxose moi popular, iso é positivo, pero a xente pérdelle o respecto aos quilómetros. Queren facer maratóns, ultratrails, iron man, pero hai que coñecer as nosas limitacións, os riscos que temos diante. Para enfrontarse a un reto así fai falla contar con profesionais, como técnicos e fisioterapeutas. Eu dedico máis tempo á prevención que a adestrar. Non todo é facer series. O realmente importante é chegar ao final da tempada sen romper.

-¿Como doutora que lle recomenda aos seus pacientes?

-Que non fagan o que fago eu [ri]. Non é a fórmula. Hai que comezar de forma progresiva. Camiñar é o primeiro paso, pero hai outros exercicios, como os de flexibilidade ou pesas, que tamén se deben facer. Dentro dos concellos hai xente e cursos feitos con este fin. Non todo é exercicio aeróbico, porque os maiores perden moita masa muscular e iso aumenta o risco de caída, o que pode provocar un deterioro na súa calidade de vida. Bailar é unha gran actividade tamén para a terceira idade, porque ademais socializas. Os deportes en grupo tamén son moi bos porque estimulan moito.

-¿Cando decidiu volver a calzarse as zapatillas?

-Deixei a competición durante a carreira. Adestrar a certo nivel require tempo. Seguín facendo cousiñas, pero non era o mesmo. Empecei a retomalo cando perdín a unha persoa moi querida, que era meu pai. Foi un momento moi difícil. Sentía unha gran angustia. O exercicio é bo para a alma, non só para o corpo. É ansiolítico e antidepresivo. Comecei saíndo a trotar cunha amiga. Logo dun tempo adestrando con Javier Novo quería ir a unha media maratón. Preguntoume se ía en serio. Pedinlle tempo para pensalo. Non tardei nada, dixenlle que íamos a por unha marca.

-Logo de tanto tempo segue vinculada ao Club Atletismo Noia.

-É unha cuestión emocional. Cando se creou, foi para os mozos que non tiñamos con quen competir. Meu pai estaba nesa primeira directiva. Teño moi boa relación con Luis Sanmartín e con Alberto Pérez, somos amigos de toda a vida. Aínda que o club se centre nas categorías base, como debe ser, non me sentiría en ningún outro club como me sinto aquí. Trátanme como unha reina. Tódolos logros, sexan cales sexan, se celebran por igual. O equipo leva cumprindo unha labor inmensa. Parece que cando piden fano para eles, pero é para fomentar o deporte nos máis cativos. Falta recoñecemento por parte das institucións e da sociedade. Nestes momentos hai un problema moi grande cos nenos. A pesar da inversión en sanidade, contan cunha saúde peor ca dos seus país, motivada por unha mala alimentación e un sedentarismo brutal.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Teresa Castro: «O exercicio é bo para a alma»