O noso mar, marca


Sempre pensei que non existen fórmulas máxicas que permitan predicir o éxito que pode chegar a ter unha marca. De feito, cada vez que pasa polas miñas mans unha proposta coa que darlle forma e vestir un produto, imaxino a un conclave de expertos debullándose nos miolos e peneirando nas ideas na procura da palabra precisa que sirva para bautizalo. Ninguén dixo que atopar a galiña dos ovos de ouro fose sinxelo, pero todos temos claro que, na era da abundancia, é imprescindible distinguirse e diferenciarse do resto no mercado para que poñan os ollos en nós o maior número posible de consumidores.

Por iso, ter a responsabilidade sobre o sector da pesca en Galicia supón -con todo o que iso implica- ter que estar pendentes non só do «que» pescamos permanentemente, senón tamén de «como» o vendemos. Supón ter que darlle moitas voltas á cabeza, observar o comportamento de quen merca e poñer a orella ante cada necesidade que pon enriba da mesa o sector. Supón, en definitiva, apostar por facer marca.

Para iso temos o noso mar, o de Galicia. Cremos cegamente que non existe mellor marca e maior aval para os produtos que os profesionais capturan nas nosas rías. Temos probablemente as augas máis ricas en nutrientes do mundo, tamén das máis fértiles e quizais unhas das máis produtivas. Temos ademais un sector que máis que pescar fai artesanía e que pode presumir de facelo de xeito respectuoso e sustentable. Temos mar, ofrecemos mar e o noso mar funciona porque o noso mar, marca.

Todo isto permítenos que a día de hoxe, baixo ese paraugas do noso mar, o de Galicia, poidamos alardear de contar con numerosas marcas que distinguen o mellor entre o mellor, sen competir entre elas, porque hai sitio para todas. Deste xeito, hai espazo para PescadeRías, ¿de onde se non? que garante a frescura dos produtos da flota artesanal. Hai sitio tamén para a ameixa de Carril, procedente dos seus emblemáticos parques de cultivo, ou para a pescada de Celeiro.

Hai sitio para o choco de Redondela, para a ostra de Arcade, a vieira de Cambados, a xouba de Rianxo, o chícaro de Foz e, máis recentemente, para o berberecho de Noia. Tamén existe sitio para facelo bonito e namorarnos dun dos nosos máis emblemáticos galegos, o mexillón de Galicia.

En forma de exaltación gastronómica ou de distintivo rexistrado, neste mar de Galicia que nos marca, apostamos por distinguirnos sabendo cadaquén o lugar que ocupa.

Temos o exemplo claro dos percebes de Aguiño, dos de Corme, dos de Meirás, dos de Rinlo ou dos de Cedeira. As miles de persoas que peregrinan con devoción cada verán ás festas dos municipios que lles renden homenaxe dan boa conta de que todos son excepcionais porque a todos e cada un os une un denominador común: o mesmo mar, o noso, o de Galicia, o que verdadeiramente marca.

Autor Rosa Quintana Conselleira do Mar

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

O noso mar, marca