Avemanía

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

26 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A información que nos chega respecto do AVE é un relato, que converten políticos de distintas cores nunha loita contra reloxo para gañar votos, convertendo a présa en ter un tren de alta velocidade a Madrid nun puro obxectivo electoral.

É pura ficción porque o AVE unicamente chegará a Ourense, sendo esta a única estación galega que estará conectada coa capital mediante tren de alta velocidade. O resto dos trens, de Ourense a Santiago, A Coruña e Vigo serán do tipo Alvia (como o do accidente de Angrois).

Unha gran diferenza entre eles é a velocidade: de Ourense a Madrid poderá acadar os 310 quilómetros por hora, no resto de Galicia non supera os 200, a orografía xoga un papel relevante.

É unha teima que nos convirte en líderes mundiais, superados unicamente por China. A alta velocidade foi inventada polos xaponeses para transportar inxentes masas de viaxeiros en pouco tempo, obxectivo que non cumpre en España, e menos cumprirá en Galicia, co agravante do prezo dos billetes (120 euros de media) e do perfil de viaxeiros (10 viaxes/ano), que nun país con tres aeroportos non ten sentido ningún.

É un erro construír trens para unha minoría do pobo galego, cun custo de 15 millóns por quilómetro, cando a maioría sairía máis beneficiada pola construción de liñas de proximidade, que custan 2 millóns por quilómetro, electrificadas.

De momento, seguimos soñando con aquel plan deseñado por Domingo Fontán para a Real Sociedade Económica de Amigos do País, no ano 1889, que levaba o tren a Isorna, Ribeira, Muros ou Cee, e que axudaría a vertebrar as comarcas e vilas.