Un precursor no Barbanza


Na literatura galega coñécense como precursores os escritores en galego anteriores a Rosalía de Castro e que publicaron os seus textos entre 1840 e 1862; isto é, do nacemento do Provincialismo -o primeiro galeguismo- á edición do Álbum de la caridad, libro de 1862 que levaba anexo un Mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos, organizado por Antonio de la Iglesia González (1822-1892), e que contiña corenta autores na nosa lingua, de Cernadas e Castro a Rosalía. O Mosaico é, en xeral, bilingüe, aínda que tamén contén un poema en francés e outro en latín, e moitos dos autores que escriben en galego son case descoñecidos. Quizais o máis descoñecido e esquecido sexa Ramón Coiradas, do que só sabemos o que o colector da escolma anotou nunha nota a rodapé: que estivo preso en Portugal, que se librou da pena de morte e foi desterrado á India grazas ao soneto e ao retrato que dedicou a El-Rei portugués. Iso é todo, pero o seu apelido é un topónimo non moi frecuente, topónimo da freguesía de Santa María de Entíns, en Outes. Podería ser casualidade, pero o segundo poema que Antonio de la Iglesia edita de Coiradas, Improvisación, é un epigrama satírico que cita a vila de Noia e a dous célebres personaxes da época, os Panfos, o que corrobora o antólogo: «nombre dado en Noya a dos célebres tontos». Xa que logo, Coiradas tiña que ser noiés ou dun lugar próximo e o seu nome debe ser engadido ao de Francisco Añón como un dos poucos escritores cos que conta Barbanza anteriores a 1863.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Un precursor no Barbanza