Sarmiento

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

22 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1745, frei Martín Sarmiento, un monxe regordecho de curiosidade insaciable que é unha das grandes figuras da nosa cultura, chegou ao Barbanza na súa viaxe de coñecemento. Fixo noite no Priorato da Mercé, na Pobra do Deán, e ao día seguinte visitou o mosteiro da Miserela: así sabemos daquelas ruínas misteriosas e das súas lendas, como a da barca de pedra de San Xoán e os monstros que habitaban no Pozo Negro, un pouco máis arriba polo río Pedras. Mágoa que non valorara estes imaxinarios.

Si que tiña en estima a botánica. No seu libro Catálogo de voces vulgares y en especial voces gallegas, documentou nomes e usos de ducias de plantas atopadas en Rianxo, Boiro, A Pobra, Ribeira e Porto do Son, achegándonos a aquel ancestral coñecemento botánico. Dálle moitas voltas ás famosas caramiñas pois conta que os pobrenses cren que se os calvos fregan cebolas do mar contra a cabeza o pelo vólvelles, primeiro branco e logo negro; fala da herba do can, que a xente cheiraba para saber como ía vir o tempo; tamén explica que o toxo da envexa emprégase para botar as bruxas fóra dos barcos e que os mariñeiros empregan a herba do buiter para leala coma se fora tabaco. E moito máis.

Sarmiento é un dos poucos escritores de antes do século XIX que lle prestou atención á comarca para algo máis que para contar sardiñas, castiñeiros ou rendas de millo. Porén, a súa presenza nos nomes das rúas ou edificios públicos de Barbanza é mínima ou inexistente.

Que boa idea sería recoñecer a súa visita e o coñecemento que nos deixou nunhas accións públicas!.