Os economistas empregan esta palabra commodity para definir un tipo de mercadoría que é tan habitual que xa non ten un valor diferencial no mercado. O exemplo máis típico é o azucre ou o sal, que mercamos practicamente sen mirar nin prezo nin marca porque consideramos que todo vai ser o mesmo.
Repasando informes sobre a industria da conserva do peixe reparei no detalle de que un dos principais produtos das fábricas, as latas de túnidos, xa son considerados commodities no mercado. É dicir, que nos estantes dos supermercados os compradores fíxanse máis en se o atún vai en aceite de oliva, de xirasol ou en escabeche que nas marcas.
E isto é así porque o atún xa é un ingrediente, algo que se consume mesturado con outras cousas. Así que os supermercados desenvolven as súas propias marcas deste produto.
Non sei en que medida iso é bo ou malo: perder marcas pode dar moitos beneficios (aforras en márketing), pero quita posicionamento.
Cando vexo isto, lembro como a miña avoa e as súas compañeiras obreiras das fábricas conserveiras, traían para a casa os «lotes» dos que comía toda a familia. Aquelas mulleres facíano porque sabían da calidade do que elas producían, e aínda hoxe a comarca do Barbanza segue a ser unha gran consumidora das conservas das súas propias fábricas.
Esa confianza das obreiras no produto alimentario que pasaba -e segue a pasar- polas súas mans é hoxe algo tan excepcional no sector global da alimentación que debera ser un valor para proxectar a conserva das nosas rías ao mundo.
Aínda hai moito que traballar aí.