Asociación Senda XXI: Os camiñantes que nunca se cansan

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

marcos creo

A asociación, que vén de cumprir tres anos, prepara unha chegada especial a Noia

24 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O sendeirismo vive un período de esplendor en Barbanza. Cada vez son máis as persoas que se enganchan a esa práctica que consiste en camiñar durante horas gozando da paisaxe e de entretidas conversas. Varios deses afeccionados decidiron, hai xa tres anos, constituír Senda XXI, outorgándolle forma legal a un grupo que tiña a paixón polas andainas como nexo de unión. Naqueles comezos, a asociación marcouse como obxectivo promover os atractivos da zona, tanto os paisaxísticos coma os patrimoniais. E nesa lúdica batalla seguen mergullados a día de hoxe estes guerreiros incansables.

Son moitas as persoas que suman forzas en Senda XXI, pero hai un reducido grupo que pode considerarse o núcleo forte, pois os seus membros desenvolven tarefas cruciais. Destaca Manoli Filgueira Gandarela, a presidenta da entidade. A súa cabeza é unha fonte inesgotable de ideas, todas co sendeirismo como punto de partida, pero que vai enriquecendo botando man do medio natural, da historia, da gastronomía e mesmo do teatro. Considérase unha todoterreo: «Desempeño múltiples traballos dentro da entidade, todos os que sexan precisos a nivel burocrático, organizativo e de coñecemento do medio natural para que Senda XXI sexa unha asociación viva e activa, facéndose cada día máis próxima e acolledora para todas aquelas persoas que queiran sumarse ás nosas actividades».

Conta entre os seus compañeiros inseparables de traballo con María de los Ángeles Rial, unha secretaria que tamén se encarga de todo o que está relacionado coa cultura e co teatro, aos que en moitas ocasións recorre a asociación para enriquecer as andainas que organiza; e con Eduardo Gómez Bargo, que achega o seu saber nos eidos da arquitectura e da arqueoloxía. Completando o grupo está Suso Martínez, o tesoureiro que tamén asume o reto de darlle visibilidade a Senda XXI a través das redes sociais.

Ruta conmemorativa

Eles e o batallón de camiñantes que os acompañan en cada aventura, sempre máis dun cento, xa completaron dous percorridos diferentes entre Corrubedo e Santiago, e neste intres atópanse realizando o terceiro. O domingo afrontarán de feito a cuarta etapa. Será unha ruta especial, pois concluirá en Noia e a entidade aproveitará para facer a súa particular conmemoración do 850.° aniversario da función da vila: «Esta celebración non nos podía deixar indiferentes, así que quixemos argallar algo diferente», explicou Filgueira.

Xa será singular o arranque, pois os camiñantes partirán ao ritmo das gaitas do Son do Pote. Neste ambiente festivo daranse por inauguradas as Arrivadas de Guiende, denominación que reciben as 22 escaleiras que comunicaban esta aldea con Tállara. A zona foi sometida a unha actuación de recuperación para recibir, nas mellores condicións posibles, ao grupo de camiñantes.

O curso dos ríos Rego do Codorneiro e Lobo levarán ao pelotón ata o territorio noiés para camiñar xunto ao dolmen de Cova da Moura, o Camiño Real e o curtidoiro de Cadarso. A entrada pola Peregrina, Tapal e Cantón engalanarase para a ocasión con bandeiras, guiando aos participantes ata a simbólica meta, que estará instalada na Porta da Vila. Alí, os camiñantes recibirán unha reprodución personalizada da Carta Pobra. Para repoñer forzas, serviranse cuncheiriños, unhas singulares empanadillas con forma de cuncha que levan, como ingrediente principal, o berberecho noiés.

Antes da despedida haberá, como ocorre en cada unhas das citas de Senda XXI, tempo para o intercambio de opinións: «Falaremos do percorrido e todo o que vimos polo percorrido, xa que camiñar, coñecer e compartir son os obxectivos da entidade», apuntou Manoli Filgueira.

Partida. A cuarta etapa do Camiño a Santiago de Senda XXI terá lugar o domingo. Os participantes sairán do paseo marítimo de Noia ás 8.15 horas, desde onde un bus os trasladará ata Iroite para iniciar a andaina.

Percorrido. Os camiñantes cubrirán 18 quilómetros ata concluír na Porta da Vila.