A montaña de area

BARBANZA

11 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Lin con interese a entrevista que lle fixo onte este xornal ao xeólogo Francisco Canosa, que nos advertía de que hai que ir asumindo que a duna de Corrubedo rematará por converterse, en poucas décadas, nunha montaña. A min gustábame a idea da duna, dunha paisaxe sempre cambiante das Mil e unha noites. Non nego que de pequeno busquei nas súas sombras, moitas veces, o campanario da cidade asolagada de Valverde, que aparecía nas noites de San Xoán…

A mutación de duna en monte non é dramática nin moito menos. As montañas de area son tamén fermosas, e non temos máis que pensar no Monte Branco de Santa Mariña do Tosto, ou no Monte Branco da desembocadura do Anllóns. A natureza é fermosa porque está cambiando de continuo, non porque sexa inmutable. E terá a súa parte positiva: dentro de cen anos, ademais da vella historia de Valverde, Corrubedo gardará a historia de cando toda a montaña se movía coas tormentas.

Pero tamén temos unha lección: cómo os homes enredamos nas cousas pequenas e esquecemos as importantes. Lembrarán aquelas aburridas discusións sobre o acceso á duna. Ao final, Canosa explícanos que prohibir andar por riba delas é axeitado, pero que o maior problema da duna está na falta de area: os encoros impiden o arrastre da terra montañosa e o abandono do agro fai que a vexetación fixe a terra das ribeiras dos ríos, impedindo a formación de area no mar. Ao final, todo nos leva aos grandes problemas do noso tempo, que non queremos ver. Preferimos que todo se arranxe dándolle a un botón.