Morrer coma fidalgos

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

23 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Batín o outro día cun documento curioso que nos dá un retrato vibrante dos nosos devanceiros. Está asinado en Tarazona polos Reis Católicos, o 22 de marzo de 1484, e é unha confirmación dos privilexios que tiñan os mariñeiros de Noia, Muros, Pontevedra, a Pobra do Deán e a ría de Arousa.

O documento achéganos un mar arousán e muradán moi vívido, cheo de actividade comercial e pesqueira. Ao final da Idade Media, as fronteiras ancheáronse, os petos miraron cara o mar e houbo moitos que quixeron subir ao carro, perdón, á carabela.

Os nosos mariñeiros -e tamén os grumetes!- non dubidaron en dirixirse eles mesmos aos reis para lembrarlles os dereitos e liberdades dos que disfrutaban, desde moi antigo, no Reino de Galicia, baixo ameaza polos arribistas que querían quitarllos.

Aos nosos mariñeiros correspondíalles percibir sempre parte do sal, do viño, do peixe e das outras mercadorías transportadas nas embarcacións, e por elas non pagaban taxas ao chegaren a porto. Iso si, tiñan que demostrar que foran armados, ou sexa, investidos, polo capitán dunha nave galega.

Fronte á tan estendida idea dos galegos submisos e calados, velaí chega o pasado, nunha época dura para Galicia, amosándonos coma os bravos mariñeiros conseguiron que os distantes reis dixeran amén.

Hai orgullo de profesión neles, mesmo para defender o seu maior privilexio: no caso de seren condenados a morte, debían «ser mortos coma fidalgos, agás en caso de traizón». Auténticos cabaleiros do mar galego.