Jean Monnet, impulsor da Unión Europea, dicía: «Se todo estivera por facer, habería que empezar pola cultura». Quédanos como reto xerar esta conciencia (política e cidadá) de que a cultura é importante para as nosas vidas. É cada vez máis importante para a economía, como amosan os datos crecentes en turismo, gastronomía, deseño, música e outras das chamadas economías creativas (non deslocalizables), pero é sobre todo importante para educar e formar persoas libres, críticas e conscientes. Persoas que formarán unhas sociedades futuras fundamentadas en maior ou menor medida nos valores humanos, segundo o nivel de desenvolvemento cultural que adquiran.
Quédanos como reto nesta comarca xerar conciencia política de que a centralidade da cultura nas axendas de goberno non é nada novo. A axenda europea para a cultura define unha serie de obxectivos que están baseados na cooperación intergubernamental, o diálogo co sector cultural e a integración ou transversalización da cultura noutras políticas.
Estamos a facer isto na comarca de Barbanza? Hai suficiente cooperación entre concellos nesta zona? Existen políticas culturais planificadas en cada un deses municipios? Ten unha estratexia coordinada a mancomunidade Arousa Norte? Fálase co sector implicado ou seguimos a facer o que marcan políticos ocasionais sen formación específica e empresas consultoras con lexítimo ánimo de lucro ás que de forma recorrente lle temos que explicar a enorme potencialidade cultural da comarca do Barbanza?