O artista barbancés triunfa co seu cuarteto, co que gravará un disco o ano próximo
23 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Escoitar ás bandas de música que todos os anos actuaban no seu Rianxo natal espertou en Martín Castro a súa paixón por tocar. E non tivo ningunha dúbida sobre que instrumento a elixir. «Foi un sentimento de atracción que non se pode explicar. Ademais, o meu profesor era saxofonista e meteume no corpo ese amor polo saxofón», explicou o músico, que comezou os seus estudos con apenas 7 anos.
Primeiro pasou polas aulas da Escola Municipal de Música de Rianxo, e logo -con 13 anos- matriculouse no conservatorio de Ribeira, a onde volveu onte para ofrecer un concerto xunto co seu mestre, Rodrigo Vila. Foi precisamente este último quen o animou a ampliar a súa formación no conservatorio superior das Illas Baleares, no que está estudando na actualidade o terceiro dos catro cursos do grado de música.
A súa experiencia neste centro non pode ser máis satisfactoria. «A verdade é que estou moi contento porque é unha illa cun carácter internacional, con moita vocación polo exterior e onde recibimos a moitos profesores invitados. Un conservatorio coma o de alí ten máis axudas e dispón dunha aula de saxofón máis forte na que nos podemos nutrir máis», destacou Castro, que non quixo deixar pasar a oportunidade de subliñar o gran talento que hai en Galicia. «Hai moitos músicos galegos que están comendo o mundo. Eu creo que en Galicia hai un nivel musical moi grande, e moita culpa é das bandas populares, porque desde pequenos se nos mete esa afección por tocar».
Martín Castro é un bo exemplo deses novos talentos que está gañando moitas posicións no panorama internacional, xa que xunto con varios compañeiros da clase formou hai dous anos a banda de saxofóns Psaiko Quartet. «Xa gañamos bastantes premios e tivemos moitas oportunidades de actuar en varias cidades. De feito, este verán fixemos una xira por Latinoamérica que tivo un recibimento magnífico», lembrou o rianxeiro. Esta gran aceptación fixo que o grupo de mozos xa marcara novas metas, que incluirán máis concertos e cursos por distintos países, así como a gravación dun disco sobre música francesa, un proxecto que pensan levar a cabo a primeiros do próximo ano.
Gran dedicación
Todas estas actividades terán que seguir a compaxinalas cos seus estudos, que polo de agora van vento en popa. Segundo explicou o artista rianxeiro, «non me podo queixar porque estou sacando moi boas notas». Así e todo, non é nada doado, xa que estes grados requiren de moito esforzo, «porque hai que estudar e practicar demasiado. Temos que dedicarlle entre seis e oito horas ao día á práctica do instrumento, ás que hai que sumarlle a carga lectiva das clases teóricas. O día non me chega a nada», sentenciou Martín Castro.
Estes atrancos non quitan un ápice de ilusión ao rianxeiro, que ten a vista posta en forxarse un futuro como gran saxofonista. De feito, o seu reto principal nestes momentos é continuar «polo camiño para seguir crecendo. Primeiro toca gañarse a vida e logo gozar», explicou, ao mesmo tempo que afirmou que é posible vivir nestes momentos da música, pero hai que esforzarse e loitar moito para conseguilo.
Sobre os seus soños de futuro, non se marca un obxectivo concreto a medio ou curto prazo. «Gustaríame poder tocar en todos lados, o escenario dáme un pouco igual, sempre hai uns que teñen máis prestixio que outros, pero o importante é seguir medrando», explicou Castro, que aproveitará estas vacacións de Nadal para descansar na súa casa de Rianxo e así encarar con máis forza o 2018.
Formación. Martín Castro iniciou a súa formación na Escola Municipal de Rianxo, e logo continuou no conservatorio de Ribeira. Na actualidade, estuda o terceiro curso do grado de música no conservatorio das Illas Baleares.
Traxectoria. Xunto con catro compañeiros de clase fundou Psaiko Quartet, co que vén de realizar una xira por Latinoamérica e prepara outra para o próximo ano.