Óscar Romero: Un actor disposto a pechar o círculo

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Comezou a súa carreira na agrupación ribeirense, que agora pretende relanzar

05 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tempo que o panorama cultural de Ribeira rexistra un gran oco. Unha enfermidade apartou a Segundo Durán do labor que viña realizando á fronte do Grupo Municipal de Teatro e desde entón son moitos os veciños que aspiran tanto a regresar ás táboas como a comprobar o talento local sobre o escenario. Pero todo indica que este baleiro encherase en breve. Óscar Romero vén de asumir o reto de relanzar a agrupación, recuperando as montaxes máis emblemáticas dos últimos tempos e preparando novos espectáculos. O ribeirense colle as rendas disposto a pechar o círculo, pois foi neste grupo onde deu os seus primeiros pasos no eido da interpretación e onde descubriu unha afección que acabou por converterse en profesión.

Entrar a formar do grupo ribeirense, alá polo ano 1997, serviulle para deixar a un lado a timidez: «Recordo que o pasei mal ao principio, pero tamén lembro os xogos e os entretidos exercicios dos ensaios». Pero tamén para elixir o camiño a seguir. De feito, deixou Ribeira para coller rumbo a Madrid, onde se formou en teatro e danza. Aínda que, a nivel laboral, pasou máis tempo entre bambolinas que enriba das táboas, ao seu regreso a Ribeira non paraba de percibir na rúa o desexo dos veciños de volver a ter grupo de teatro.

Óscar Romero tén clara cal vai ser a súa prioridade como novo director da compañía: «Quero tanto montar espectáculos como formar aos actores. A idea é que a agrupación se mova o máximo posible e chegue, polo menos, ao nivel que tiña cando foi premiada no Certame Nacional de Teatro Paco Rabal». Asegura que a formación, que na anterior etapa contaba con vinte actores, está aberta a todo aquel que desexe sumarse, independentemente de que teña ou non experiencia no eido da interpretación. E será cando teña clara a cifra de implicados o momento no que decida as montaxes a preparar: «Teño varios textos enriba da mesa que me gustaría levar a escena, todos eles de autores contemporáneos», sinala.

Novas e vellas montaxes

Non quere, polo de agora, nomear títulos, aínda que si se declara seguidor do traballo de dramaturgos como Miguel del Arco e Juan Mayorga. Iso si, explica que, nun principio, a súa idea é recuperar montaxes que deixaron pegada na historia da compañía: «Quero empezar con Cousas, de Castelao, La Casa de Bernarda Alba e La Malquerida, que foi a última obra que representou a agrupación e funcionou moi ben».

Na cabeza de Óscar Romero xa está claro tamén o novo espectáculo que poñerá en escena a compañía de Ribeira. Asegura que se tratará máis ben dunha reestrea, aínda que con cambios substanciais: «É unha obra que xa foi representada no pasado, pero á que lle fai falla unha renovación importante». Recoñece que foron os integrantes da formación os que lle trasladaron esta proposta: «Nos catro anos que levo aquí sempre me falaron desa comedia. Sei que hai moitas gañas de recuperala e o público tamén quere vela».

Ilusionado e cun feixe de proxectos debaixo do brazo, Romero faise cargo da nova etapa da compañía municipal confiando en atopar a axuda necesaria para levar a cabo os seus proxectos. Asegura que non ten grandes pretensións, aínda que si gañas de traballar: «Quero que o grupo medre, que volva a encher o auditorio de Ribeira, como facía antes, pero que se faga tamén un nome fóra de Barbanza. Para min, a mellor recompensa que podo conseguir é o recoñecemento por parte do público».

O novo director quere contar, nesta aventura que vén de emprender, coa axuda do seu antecesor: «Poderá axudar en todo o que considere e teño claro que lle solicitarei toda a axuda que me poda prestar».