O grupo Fogo Fatuo leva a escena un casamento de 1890 entre un gaiteiro e unha ricachona
02 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Naceu xa co fin de recuperar, manter e perpetuar as tradicións, pero dun tempo a esta parte, a asociación rianxeira Fogo Fatuo vén realizando un esforzo maior para conseguir estes retos. Faino da man de Chema Cebeiro, que hai menos de dous anos asumiu a dirección do grupo de baile. Coa súa axuda, a entidade deseñou unha ambiciosa folla de ruta na que, pasiño a pasiño, se van subliñando obxectivos cumpridos. No pasado mes de agosto vía a luz un libro-cedé en homenaxe ao gaiteiro Ramón Carou e mañá a formación estreará un espectáculo de gran formato, Hoxe hai regueifa. No escenario e entre bambolinas collerán posicións corenta persoas, que recrearán un casamento que tivo lugar na vila alá polo 1890 e que causou un gran rebumbio.
Trala montaxe da que mañá poderán gozar os rianxeiros hai un gran traballo, que comezou precisamente no proceso de recompilación de información para o libro sobre Carou. Falando coa xente soubemos dun casamento que chamara moito a atención na época, entre un gaiteiro e unha solteirona rica. Empezamos a tirar do fío e fomos recompoñendo este anaco da historia local, explica Cebeiro. Quizais o feito de que un músico amante das festas lograra engaiolar á moza, que xa non era tan moza, para que renunciara a seguir na procura do seu príncipe azul foi o que provocou que os preparativos daquela voda deixaran unha fonda pegada na vila: «Mesmo recorremos ao arquivo da igrexa para recompilar información», sinala o director.
Entre o que lembran os maiores da localidade e os documentos que se conservan, Fogo Fatuo conseguiu argallar unha historia que, segundo os autores, ten moito de realidade: «Cremos incluso saber os nomes da parella, pero preferimos non facelos públicos. Primeiro, por respecto ás familias e, segundo, para darlle renda solta á imaxinación da xente e que cadaquén pense o que queira». Para imprimirlle ao relato o toque folclórico, a agrupación recuperou antigas coreografías da época. Entre as máis destacadas, segundo subliña o propio director, está a danza do galo: «É un home que baila con nove mulleres, que simboliza o poder que tiñan eles á hora de buscar parella, algo similar ao que ocorre no curral». Este baile en concreto foi recollido na parroquia de Araño.
Xira pola comarca
Fusionando a historia daquel casamento, os bailes rescatados de antano e pezas musicais tamén extraídas da memoria oral do pobo, Fogo Fatuo compuxo un espectáculo que se presenta en tres actos: os primeiros encontros da parella, a regueifa e o convite. «A montaxe remata cunha festa tola», adianta Cebeiro. Todo co fin de rememorar e conservar unha parte fundamental da historia de Rianxo e, de paso, de darlle máis visibilidade ao grupo: «Queriamos que o traballo da agrupación non se limitara ao baile sen máis, senón construír algo máis grande e ofrecerlle así un espectáculo de calidade aos rianxeiros, sempre desde a óptica dunha formación afeccionada coma esta».
É moi probable que, despois da estrea de mañá, Fogo Fatuo teña que programar un segundo pase en Rianxo, posto que as entradas que se puxeron á venda de forma anticipada están practicamente esgotadas. Pero a intención do grupo e emprender despois unha xira pola comarca: «De cara ao vindeiro ano queremos levar a montaxe a outros escenarios de Barbanza, porque consideramos que o resultado é moi bo e que pode gustar». Pendentes da resposta do público, desde a agrupación están tan satisfeitos coa experiencia vivida que xa pensan en repetir en breve: «A intención e repetir o calendario deste ano para o 2018, rendéndolle unha homenaxe a un músico destacado do municipio, que hai moitos, e montando outro gran espectáculo». Da economía desta asociación sen ánimo de lucro dependerá que se poidan levar adiante ámbolos dous retos.